CRTVG

Buscar

Primeiro día sen falecidos pola covid-19 en España desde o inicio da pandemia

Publicado o 01/06/2020 17:26

• Os casos activos en Galicia baixan ata 722 con só dous ingresados en UCI

• Segunda xornada consecutiva na nosa comunidade sen vítimas mortais

O Ministerio de Sanidade non rexistrou ningunha morte no informe diario de evolución do novo coronavirus, por primeira vez desde marzo, e por tanto a cifra total de falecidos por covid-19 segue en 27.127 persoas, das cales 35 perderon a vida nos últimos sete días.

Os diagnósticos reducíronse a 71 nas últimas 24 horas, e sitúan a cifra total de persoas contaxiadas, e confirmadas pola proba PCR, en 239.638. Ademais, 11.399 persoas ingresaron nunha Unidade de Coidados Intensivos (UCI); nove, nos últimos sete días, e 123.879 precisaron hospitalización.

Baleares, Cantabria, Castela-A Mancha, Ceuta, Melilla, Murcia, Navarra e País Vasco non contabilizaron ningún falecido por COVID-19 nos últimos sete días.

Andalucía 1

Aragón 2

Asturias 1

Canarias 1

Castela e León 6

Cataluña 11 

Comunidade Valenciana 3

Estremadura 5

Galicia 2

Madrid 1

A Rioxa 2

As comunidades autónomas que non diagnosticaron ningunha persoa con COVID-19 nos últimos sete días foron Cantabria, Estremadura, Galicia, Melilla, Murcia, País Vasco e A Rioxa.

Respecto aos ingresos en Unidades de Coidados Intensivos (UCI), contabilizáronse un total de 11.399, nove nos últimos sete días. Con todo, só houbo ingresos en Andalucía (1), Canarias (1), Castela-A Mancha (3), Castela e León (2), Cataluña (1) e Madrid (1).

No tocante aos hospitalizados por COVID-19, en total foron 123.879 persoas, 245 no últimos sete días. Melilla é a única rexión en que ningún paciente con COVID-19 requiriu hospitalización.

Coa prudencia debida, Fernando Simón daba a noticia que agardaba dar desde o inicio da pandemia: "O dato bo é que non temos notificado, pode haber algún atraso de fin de semana, algún atraso que podería cambialo, pero o dato bo é que hoxe non recibimos notificación de ningún falecido con data de defunción de onte, o cal é un dato moi moi favorable".

Na última semana quince comunidades autónomas rexistraron entre dúas e ningunha defunción. E non foi o único dato bo; por segundo día consecutivo os contaxios baixan de cen, 71 nas últimas 24 horas.

E iso que agora se diagnostican en 48 horas desde o inicio de síntomas. Simón reitera que os brotes locais se controlan sen problemas e xustifica por que se cambiou de criterio e se deixou fóra da fase 3 a apertura de discotecas.

"Non vai ser moito máis tempo e temos que garantir que as cousas se poidan controlar. É un xesto de prudencia que ten as súas implicacións socioeconómicas, está claro. Pero creo que é un xesto de prudencia que nos protexe a todos", dixo o doutor Simón.

Educación e Sanidade traballan na elaboración dunha guía para a volta ao colexio en setembro, unha guía que esperan ter rematada a finais deste mes.

Noticias web

01/06/2020