CRTVG

Buscar

O Goberno non considera o certificado COVID para acceder a locais de hostalería

Publicado o 28/07/2021 21:18

O certificado COVID para acceder a restaurantes ou discotecas non estivo enriba da mesa da reunión da Interterritorial de Saúde que tivo lugar este mércores. O Ministerio de Sanidade cre que ampliar o uso do certificado dixital da UE para acceder a interiores "sería complicado" porque só está regulado para facilitar a mobilidade, pero as comunidades poden, e de feito xa o están facendo, pedir probas de vacinación ou diagnósticas con este fin.

Segundo Darias, o amparo legal que ten o certificado dixital da UE, que se obtén coa pauta completa de vacinación, unha proba negativa ou tras pasar a enfermidade nos últimos seis meses, é o de garantir unha mobilidade segura entre territorios; é o uso que está regulado co apoio regulamentario do Parlamento Europeo. Ata a data, España emitiu máis de 11,3 millóns de certificados dixitais, na súa inmensa maioría a persoas vacinadas coa pauta completa: o 44 % deste grupo conta xa con este documento que fai máis fácil moverse entre países. Pero darlle outro uso que non sexa este "sería complicado", aínda que a ministra de Sanidade aclarou que se non é o certificado dixital da UE, as comunidades poden adoptar as medidas que "estimen oportunas" dentro das súas competencias e botar man doutro tipo de documentos.

A posición de Sanidade é a de manter o foco en seguir "vacinando a todo o mundo para dar as mesmas oportunidades a toda a poboación do noso país". Un 87 % da poboación maior de 40 anos, case nove de cada dez, conta coa pauta de vacinación completa, segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, que revelan que nas últimas 24 horas se inxectaron 567.775 doses en todo o territorio nacional. O 55,7 % da poboación xa ten a pauta completa da vacina, máis de 26,4 millóns de españois. Iso converte a España no segundo país de Europa, despois de Malta, coa maior porcentaxe de poboación maior de 40 anos con dúas inxeccións.

 

Noticias web

28/07/2021