CRTVG

Buscar

Mantense o nivel de contención en España malia o aumento de casos do coronavirus

Publicado o 29/02/2020 13:55

Confírmanse novos casos no País Vasco, Cataluña e Madrid

• A OMS eleva a moi alto o risco de expansión global do coronavirus

• O Sergas activa o teléfono 902 400 116 para información xeral do coronavirus | As consultas por síntomas, no 061

O coronavirus esténdese en España. Ata este momento son xa 41 os contaxiados, incluídos os dous que se recuperaron xa da enfermidade. Os últimos casos reportáronse no País Vasco, un en Álava e outro en Guipúscoa; un en Cataluña; e dous en Madrid.

Deste xeito a relación de casos de coronavirus en España é a seguinte: 10 casos na Comunidade Valenciana, 7 en Madrid, 2 en Castela e León, 1 en Aragón, 6 nas illas Canarias, 2 no País Vasco, 1 en Baleares, 4 en Cataluña, e 8 en Andalucía.

Na tarde do venres confirmábanse dous novos casos en Madrid, o primeiro era o dunha muller familiar do paciente de 77 anos que segue ingresado na UCI do Hospital de Torrejón. Tamén se considera un caso de contacto local. A paciente permanece illada e presenta sintomatoloxía leve. O segundo positivo reportado en Madrid é o dunha muller que tamén permanece en illamento no mesmo hospital. A súa situación é estable. 

A Consellería de Saúde e Familias de Andalucía confirmou dous novos casos. Un deles é o dunha enfermeira de Arjonilla (Jaén), relacionada cun infectado por coronavirus no Hospital Torrejón de Ardoz de Madrid. O outro caso é o dun médico sevillano de 58 anos que estivo en contacto co primeiro confirmado en Andalucía.

Nas últimas horas tamén se contabilizaban os primeros positivos no País Vasco, un en Guipúscoa e outro en Álava. Ambos viaxaran a Italia e Andalucía, respectivamente, nos últimos 15 días. O caso rexistrado en Cataluña é o dunha muller de 58 años que estivera en contacto cun caso positivo en Alemania. A muller atópase en estado leve no Hospital Clínic, en Barcelona.

Todos os doentes de coronavirus detectados en España están ben, e o máis grave, un home hospitalizado en Madrid na unidade de coidados intensivos, evoluciona favorablemente. Malia que o número de casos está a aumentar nos últimos días, case todos se contaxiaron no estranxeiro e os únicos con orixe incerta seguen sendo tres, dous de Madrid e un de Sevilla. Segundo Sanidade, a posibilidade de que estes tres casos provocaran focos de infección é cada vez máis remota.

"Teríanse que estar detectando xa algúns infectados, pero hai que ter moito coidado porque pode haber casos de sintomatoloxía leve que non van ao médico. Eses non se poden detectar polo sistema", explica Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias.

Malia o aumento de casos, o ministerio de Sanidade mantén o nivel de alerta máis baixo, o de contención.

"O Goberno non se está cuestionando dar recomendancións novas. Si facer un seguimento moi estreito da situación e ir valorando as accións sensatas e lóxicas de actuación se cambiara o escenario", aclara Simón.

Sanidade recoméndalles ás persoas que sospeiten que poden ter o coronavirus que chamen o 112 antes de acudir a un centro sanitario, agás que teñan síntomas graves.

Noticias web

29/02/2020