CRTVG

Buscar

Lugo volve ao nivel básico e outros 7 concellos entran no máximo de restricións

Publicado o 29/12/2020 20:41

• Lugo, Ponteareas e Rodeiro recuperan a mobilidade

• Viveiro, Verín, Monterrei, Castrelo do Val, Cualedro, Noia e Lousame entran en nivel máximo de restricións | A mobilidade quedará limitada tamén en Redondela, Barro, Xinzo de Limia, Carral, Xove, Muros, Outes, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal

• Consulta as medidas que entran en vigor este mércores no DOG

 

Ourense e Lugo serán, no tramo final deste 2020, as dúas únicas cidades galegas, das sete principais, sen peche perimetral, pois aínda que a primeira xa non tiña limitadas as entradas e saídas, no caso da segunda o comité clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia decidiu tras unha longa reunión celebrada este luns que xa poderá deixar atrás a mobilidade restrinxida.

Os expertos, no encontro que presidiu o máximo mandatario autonómico Alberto Núñez Feijóo, determinaron que as medidas deben suavizarse á parte de en Lugo, en Ponteareas e Rodeiro, que pasarán ao nivel básico de restricións sen limitación á mobilidade.


Polo contrario, o comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia acordou impoñer noutros dezaseis concellos galegos peches perimetrais, no caso de sete no nivel máximo de restricións, mentres que os outros nove quedarán nun nivel medio alto.

As condicións máis estritas serán, informa Sanidade nun comunicado, para Viveiro, Verín, Monterrei, Castrelo do Val, Cualedro, Noia e Lousame, con limitacións contundentes para a hostalería, así como para as entradas e saídas.

A Consellería de Sanidade indicou nun comunicado que Verín, Monterrei, Castrelo do Val e Cualedro formarán un perímetro conxunto, mentres que Noia e Lousame comparitirán tamén peche.

Ademais, os municipios de Redondela, Barro, Xinzo de Limia, Carral, Xove, Muros, Outes, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal pasan ao nivel medio alto de restricións,  polo que a súa mobilidade quedará afectada.

Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou engadir ao listado de concellos con vixilancia especial a Val do Dubra, Vedra, Padrón e Rois.

O nivel máximo de restricións implica que a hostalería se peche ás seis da tarde e a ocupación será do 50% nas terrazas. Soamente poden reunirse un máximo de catro persoas.

No nivel medio alto, a hostalería pecha ás cinco e a ocupación é do 30 % no interior e do 50 nas terrazas. As reunións permitidas son dun máximo de catro persoas.

No nivel básico, a hostalería pecha ás once e a ocupación é do 50 % en interior e do 75 en terrazas. As reunións poden ser dun máximo de seis persoas.