CRTVG

Buscar

Sanidade rastrexa os contactos dos infectados no brote detectado na Mariña

Publicado o 25/06/2020 13:25

• As oito persoas que deron potivo están leves ou asintomáticos e manteñen a corentena nos seus domicilios

• O brote detectado en Ribeira mantense estable con nove casos positivos

O brote de coronavirus da Mariña detectouse o martes pasado tras acudir unha persoa ao centro médico de Burela con síntomas da enfermidade. O Sergas só confirma que o rastrexo realizado aos contactos dese enfermo descubriu sete infectados máis, catro negativos e outros 25 que están pendentes de resultado da analítica.

A orixe do contaxio sería unha reunión familiar nunha vivenda de Xove o pasado día 13. Outros afectados vivirían en Foz e en Viveiro.

Todos os infectados teñen síntomas leves e deben gardar corentena nos seus domicilios. Tamén deben permanecer nos seus domicilios, controladas polo Servizo de Saúde Pública, as persoas que deron negativo na proba do coronavirus.

Entre os veciños, a noticia levantou a lóxica preocupación. "Son veciños que viven no segundo e eu no terceiro. Dáche medo usar o ascensor. Chamoume o meu fillo para que lle mirase a febre á avoa tres veces ao día", di unha veciña.

"A xente pensa que se pode volver ao de antes, e non é así. O virus está aí. En calquera momento tócalle a calquera se non se toman medidas", comenta outra.

"Hai algunhas persoas que non fan caso a nada, póñense a falar, tomar algo, sen máscaras nin distancias. Non o vexo ben", denuncia un home da zona. 

O outro brote rexistrado en Galicia, detectado a fin de semana pasada na comarca da Barbanza, mantense estable, con nove casos positivos en Ribeira e na Pobra.

Noticias web

25/06/2020