CRTVG

Buscar

Sanidade investiga o rastro dos alimentos que puideron provocar a intoxicación de alumnos en Pontevedra

Publicado o 30/10/2019 10:19

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, explicou este mércores no Bos días como se está realizando a investigación da intoxicación alimentaria que afecta 41 alumnos de primaria de Pontevedra.

"Funcionaron as alertas rapidamente e bloqueouse a partida de peixe, que aínda que non está confirmado, pero parece que foi a palometa, pola sintomatoloxía leve que se recupera rápido, pero o que dá a enteder que puido haber unha rotura na cadea de frío", dixo Vázquez Almuíña. 

"É o que están investigando, con enquisas aos rapaces e os coidadores para saber que comeron cada un deles, coa empresa para saber de onde procede a palometa, neste caso, e seguir a cadea ata a parte inicial que é onde se pescou ese peixe", explicou o conselleiro.

"É unha intoxicación leve, con síntomas autolimitados, que en moi pouco tempo desaparecen, moitos nenos nin sequera acoden ao pediatra nin ao servizo de urxencias, porque non persisten no tempo, pero para saber que pasou para iso está a nosa inspección, en total sintonía coa Consellería de Educación, esa vixilancia, facendo a investigación total desta intoxicación", concluíu Vázquez Almuíña.

Os rapaces xa están recuperados. E en todos os casos tiñan síntomas leves, como unha alerxia, erupcións ou malestar estomacal.

De momento a partida de peixe está bloqueada. A Federación Provincial de Nais e Pais abriu unha investigación independente paralela á que mantén Sanidade.

A semana pasada houbo outras intoxicacións leves por consumo de palometa en escolas infantís da Coruña e Cangas. Pero non están relacionadas con este caso nin as empresas que cociñan nin os distribuidores.