CRTVG

Buscar

Sanidade inicia o cribado dos hostaleiros do centro de Monforte

Publicado o 26/08/2020 20:56

Sanidade xa empezou hoxe a facer probas PCR a todos os hostaleiros do centro da cidade coa intención de buscar persoas asintomáticas que, sen sabelo, estean sendo vectores de transmisisón. Ademais, considérase que o gromo que comezou nun edificio da rúa duquesa de Alba a semana pasada, e no que xa hai 89 positivos, está relacionado co ocio nocturno. 

De feito, hai varios negocios de hostalería que xa pecharon as súas portas, ben por responsabilidade, ben porque algún dos seus traballadores deu positivo. Con todo, a intención de Sanidade non é a de pechar os locais, segundo nos comentou esta tarde Ramón Ares, o xerente da área sanitaria da provincia de Lugo.

Este cribado masivo entre os traballadores da hostalería comezou hoxe, pero dende hai dez días levan feito en Monforte 845 probas que, polo de agora, detectaron 89 positivos.

Rúas baleiras e negocios pechados son a consecuencia do gromo.

Bares e negocios tamén pechados na capital, onde xurdiu outro dos gromos máis significativos da provincia de Lugo, asociado ao ocio nocturno e que xa leva 35 positivos.

Tamén relacionado co ocio nocturno está o gromo da Ulloa. Outro máis, en Vilalba, está collendo entidade, con doce positivos.

Noticias web

26/08/2020