Comezan en Ourense os tests de anticorpos aos docentes antes da volta ás aulas
A área sanitaria de Ourense empezou esta tarde a facer os test rápidos ao persoal docente que vai dar clase na provincia durante o próximo curso. Está previsto que nos próximos días se fagan unhas 4.000 probas.
O Sergas citou para este luns os primeiros 400 docentes para facerlles o test rápido de anticorpos. O que terán que realizar obrigatoriamente todos os profesores que vaian dar clase nos centros públicos e concertados de Galicia durante o próximo curso. As probas empézaronse a facer na área sanitaria de Ourense, onde está previsto que se realicen 4000 destes tests, en toda Galicia alcanzarán os 40.000.
O test de anticorpos determinará se os docentes son positivos en coronavirus pero tamén se están inmunizados, é dicir, se xa pasaron a enfermidade e polo tanto non teñen risco de contaxiarse.
Estrella Pérez Conde, supervisora de área: "É unha picada de sangue capilar, nun dedo. E en dez minutos van para a casa xa co resultado".
Con este sistema, a Xunta pretende facer un cribado de todo o persoal docente de Galicia antes de que empece o curso, tal e como xa se fixo noutro momento co persoal sanitario ou cos corpos e forzas de seguridade.
O Sergas irá programando máis citas nos próximos días. Serán chamados os profesores de todos os niveis de ensino non universitario, incluídos tamén os das escolas infantís e formación profesional.