O Ministerio notifica un novo máximo de 23.580 casos, 9.395 nas últimas 24 horas
O Ministerio de Sanidade incorpora este xoves 23.580 casos de covid−19; deles 9.395 foron diagnosticados nas últimas 24 horas.
Tras incorporar estes datos, a cifra total ascende xa a 1.160.083.
A incidencia acumulada nos últimos 14 días sitúase nos 468,17 casos por cada 100.000 habitantes, segundo avanzou o epidemiólogo Fernando Simón na comparecencia desta tarde.
Nos últimos 7 días faleceron 790 persoas por mor da covid−19 e 35.639 dende o inicio da pandemia.
O número de persoas hospitalizadas sitúase en 17.520, a porcentaxe de camas ocupadas é do 14,17 %.
Nas últimas horas ingresaron 2.349 persoas. Por outra banda, hai 2.404 persoas na UCI (25,81 %).
Situación por comunidades
Cataluña é a comunidade que máis positivos notifica. Séguena Andalucía e Madrid.
Valencia, en claro ascenso nos últimos días, acaba de anunciar o confinamento perimetral de todo o territorio durante unha semana.
Preocupa a situación en Cataluña, que volve rexistrar máis de 5.000 casos diarios.
Para tentar reducir a curva de contaxios, o goberno da Generalitat acorda pechar a comunidade quince días.
Tamén Andalucía opta polo confinamento perimetral despois de varios días críticos. Este xoves notificou 5.300 positivos.
"Aínda que van ralentizándose un pouquiño, seguen a ser datos malos. Temos unha incidencia acumulada en catorce días de 468 casos por 100.000 habitantes, que son moitos", explicaba hoxe Fernando Simón na súa comparecencia.
Murcia, Cantabria e Castela-A Mancha son outras tres comunidades que se suman ao peche total do territorio a partir deste venres.
O director do centro de coordinación de alertas considera que a aplicación correcta destas restricións podería evitar a posta en marcha de medidas máis drásticas.
"O certo é que a epidemia non está moi controlada. Polo tanto, a posibilidade de facer paróns moi importantes sempre ten que considerarse nunha situación coma esta. Non pensamos que aínda se teña que tomar esa decisión. Se as cousas se fan ben é moi probable que non sexa necesario", engadía esta tarde Simón.
Pola súa banda, Madrid notificou este xoves 2.400 casos e a Comunidade Valenciana, en claro ascenso, 1.500.