Sanidade flexibiliza as restricións de mobilidade entre o 23 e o 25 de decembro
• Permite os desprazamentos para as xuntanzas familiares mesmo entre os concellos que están baixo peche perimetral
• Consulta na DOG as medidas que entran en vigor este mércores
A Consellería de Sanidade flexibiliza as restricións de mobilidade entre as 00:00 horas de deste mércores, 23 de decembro, e as 23:00 do día 25. Nesa franxa será posible trasladarse entre concellos, aínda que estean pechados perimetralmente.
"Permitiremos unha mobilidade excepcional con motivo dos encontros familiares", explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que deu a coñecer o "reaxuste do plan de Nadal da Xunta. O conselleiro insistiu en que esta flexibilización será "por motivos exclusivamente de visitas familiares" e en que "a recomendación fundamental é non facer esas visitas".
Ademais desta flexibilización da mobilidade, tamén se ampliará, de xeito excepcional, o horario de recollida nocturna para a Noiteboa, en que estará permitido recollerse, como moi tarde, á 1:30.
Despois do día de Nadal e ata o 29 de decembro prevalecerán as medidas que xa están vixentes na actualidade, porque o 28 de decembro haberá unha nova xuntanza do comité clínico que reavaliará as medidas que se van tomar.
De aplicación tamén para os visitantes
Todas estas medidas serán tamén de aplicación para os visitantes que cheguen a Galicia entre o 23 de decembro e o 6 de xaneiro. Isto é, aplicaránselles automaticamente os criterios de mobilidade do concello en que estean aloxados.
Esta revisión parcial do plan de Nadal faise, dixo o conselleiro, "con prudencia porque é moi difícil facer unha planificación a dúas semanas vista en atención á evolución da pandemia". García Comesaña engadiu que o seu departamento trata así de ser "o máis sensible posible en atención á situación de quen veña a Galicia, pero tratando de anticiparnos a decisiíons máis duras".
"Xogamos moito estes días", dixo o responsable sanitario, para quen "menos é máis: menos reunións, menos visitas, menos tempo é máis seguridade e máis probabilidade de que non se produza unha terceira onda".
Evolución epidemiolóxica
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, explicou que Galicia se mantén nunha "situación de estabilidade" en canto á evolución epidemiolóxica do coronavirus, con "certa melloría" da incidencia acumulada na última semana.
Así, a incidencia acumulada a 14 días está en 177 casos por cada 100.000 habitantes. A porcentaxe de probas realizadas que deron positivo está no 5 %, o corte que a OMS marca como límite para dar por controlado un gromo.
Carmen Durán dixo que, dos grandes concellos, a situación mellorou na Coruña, "estable por riba dos 110 casos de incidencia acumulada pero con certa melloría". Tamén Ferrol, con 136 casos, e Lugo, "aínda que segue por riba dos 100".
Vigo e Ourense permanecen estables, pero "Vigo estable descendente e Ourense estable ascendente". Tamén se mantén estable Pontevedra, con 160 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días.
Pola contra, Santiago é o concello que ten unha tendencia preocpante. A incidencia acumulada medrou ata os 194 casos a 14 días.
Rexistro de estudantes
Na fin de semana rexistráronse 1000 inscritos na web habilitada polo Sergas. A todos eles fixéronselles probas PCR.
O conselleiro advertiu de que as probas son unha "foto fixa dun momento concreto, non un salvoconduto para facer todo o que recomendamos que a poboación non faga", por iso repetiu que a recomendación é limitar ao máximo os encontros e reunións familiares e non descoidar as medidas de seguridade.
O xerente do Sergas, José Flores, explicou que a presión asistencial mantense estable. Máis do 93 por cento dos casos diagnosticados están no seu domicilio, hai 51 pacientes en críticos e 306 ingresados en planta.