CRTVG

Buscar

Cribado na área de Vigo entre 16 e 35 anos pola expansión da variante brasileira

Publicado o 16/04/2021 14:11

No Centro de Investigacións Biomédicas de Vigo estudan actualmente unha trintena de casos da variante brasileira do coronavirus.

"Pódese transmitir un pouco máis, pero non tanto como a británica, probablemente. E a vacina podería ter menor protección contra esta variante, sen que iso signifique que non hai protección", explica David Posada, xenetista e coordinador do consorcio Epicovigal. 

O primeiro caso desta cepa en Galicia, o dun mariñeiro procedente do Perú, secuenciouno o servizo de Microbioloxía do CHUVI hai menos de dúas semanas. O seu rápido incremento na área de Vigo obriga a aumentar a vixilancia.

Pero os virólogos insisten nunha mensaxe: "O importante é seguir coas medidas de pouca interacción social, e en caso de facela, sempre con protección, distancia e máscara. Iso temos que mantelo ata a o final", explica Isabel Bandín, profesora de viroloxía da USC,  "e, sobre todo, se nos din que están chegando esas variantes como a brasileira aquí a Galicia", asegura. 

A maioría dos contaxios afectan persoas novas, por baixo dos 30 anos.

"Non se pode baixar a garda", comenta unha estudante universitaria.

Sanidade faralle probas PCR á poboación de entre 16 e 35 anos desta área sanitaria. Así, están chamados a participar nos cribados desta fin de semana preto de 4.000 vigueses.

Noticias web

16/04/2021