CRTVG

Buscar

Sanidade fará cribados nas residencias universitarias para frear a expansión do virus

Publicado o 14/10/2020 16:55
Sanidade fará cribados nas residencias universitarias para frear a expansión do virus

O comité clínico de expertos que asesora á Xunta en materia de coronavirus considera que o incremento de casos de covid-19 en Santiago de Compostela está relacionado co inicio do curso universitario e o aumento de reunións e festas, polo que chamou á responsabilidade de estudantes e hostaleiros.

En consonancia, Sanidade avanzou que desenvolverá un programa de cribado nas residencias universitarias galegas.

Durante unha conferencia de prensa para explicar as medidas tomadas este martes no comité, o doutor Sergio Vázquez subliñou que a cidade de Santiago, tras Ourense, é a que presenta agora a maior incidencia acumulada de covid-19 dos últimos 14 días por 100.000 habitantes, cuns 200 casos.

Neste sentido, dixo que esta situación está "moi relacionada co inicio do curso universitario" na capital galega, polo que "non sería estraño que chegase a outras cidades universitarias", advertiu.

En concreto, Vázquez Estévez apuntou á influencia de "festa en pisos" e "festas ilegais" en locais de lecer nocturno, polo que apelou á "responsabilidade dos estudantes universitarios e dos hostaleiros" para frear os contaxios.

Vázquez Estévez advertiu os mozos que, se non se modifican estes comportamentos, será necesario "tomar medidas máis duras, como mesmo a restrición de mobilidade", e pediulles que pensen "nos seus maiores e nas súas familias".

"Sei que é duro nesta idade, pero teñen que facer un exercicio de responsabilidade", dixo, tras o que mencionou situacións como a de Salamanca ou a de Granada.

Cribados en residencias universitarias

En consonancia con esta situación, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que durante as próximas semanas se desenvolverán cribados de detección preventiva de covid-19 nas residencias universitarias galegas.

En concreto, a iniciativa xa comezou cos labores preparatorios para realizar o cribado nas residencias da Universidade de Santiago de Compostela e farase despois nas da Coruña e Vigo.

Así mesmo, o conselleiro avanzou que o cribado se estenderá "a outros ámbitos universitarios" en futuras datas.

Sanidade tamén apuntou que se ofrecerán cribados a colexios profesionais, como o de podólogos ou o de psicólogos, e que se seguirán realizando en residencias sociosanitarias e entre o persoal de axuda no fogar.

A día de hoxe xa foron sometidos a cribado preto de 144.000 persoas en Galicia, que deron un nivel de positivos, segundo cada grupo, de entre o 0,2 e o 0,5% das probas realizadas.