CRTVG

Buscar

Sanidade estuda limitacións por idades para frear a covid-19 na Coruña e Santiago

Publicado o 05/01/2021 17:46

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou este martes que da reunión que o vindeiro venres manterá o comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia poden saír medidas que contribúan a unha redución maior da mobilidade nas cidades da Coruña e Santiago, onde hai unha deterioración dos datos epidemiolóxicos.

"Actuaremos de forma clara" ese día, anticipou nunha entrevista concedida a esRadio, pero indicou que se operará "seguramente" por "idades" e coa vista posta en determinados "colectivos"; de momento sen máis precisión. O responsable do departamento sanitario cre que "case con toda certeza será así" e diso falouse cos alcaldes, dixo, e tamén con rexedores destas contornas, pois sobre as comarcas está a levarse a cabo tamén unha especial vixilancia.

"A situación en Galicia apunta cara a un crecemento", subliñou García Comesaña, que, con todo, indica que é "asimétrico", pois hai partes "en pequeno descenso" ou en "estabilización". A incidencia acumulada galega é, segundo os últimos datos, de 201 casos por cada cen mil habitantes a 14 días e de 112,5 a sete, mentres que en España estas cifras son 272 e 141,56, respectivamente.

García Comesaña tamén tratou nesta emisora radiofónica a vacinación contra a covid-19 e remarcou a importancia de ter en conta unha reclamación galega "non atendida" e que considera crucial, pois a Comunidade ten un 25% de poboación maior de 65 anos, cando a media do país é do 20 por cento. Por estas porcentaxes que deu, entende que é imprescindible "ter en conta esa proporción".

Mañá non se vacinará na comunidade porque se está cumprindo o cronograma de 12.200 por semana, explicou o goberno de Alberto Núñez Feijóo. O principal obxectivo agora é administrar as correspondentes doses aos "máis vulnerables", os usuarios e traballadores das residencias de maiores, e se os envíos son "regulares" a Xunta podería revisar a política de reserva dun terzo que a día de hoxe aplica ao entender que se impón actuar cunha "estratexia conservadora".

Aludiu tamén o conselleiro, ante as preguntas formuladas, á proposta de modificación da lei galega de saúde que se xestiona desde o grupo parlamentario popular para concluír que "a necesitamos". Se se considerase obrigatorio o antíxeno, por exemplo, un resorte legal sería a "ferramenta" para manexar. Por agora, contou Comesaña que algún empregado dos centros sanitarios non quixo o antídoto. "Anécdota, de momento", dixo, pero non estima que este vaia a ser un feito residual no conxunto do territorio en diante.

Da súa relación co ministro de Sanidade, Salvador Illa, afirmou que no plano persoal é unha persoa "moi educada, moi correcta" e que a comunicación, polo menos con el, é "fluída" e "permanente". Sobre a súa xestión, si di que a coordinación "debe mellorar aínda", a prol de ser "máis transparente" e con "criterios técnicos" encima da mesa.

Ao referirse por último ao relatorio das vacinas, que traballa desde setembro e se reúne todas as semanas, García Comesaña aplaude que houbese consenso sobre a poboación máis fráxil, coa que empezar a inoculación, pero, aínda que existe esa "base común", pensa que debe haber máis aquiescencias, coas que se evitaría que para todo o restante cada comunidade aplique "o seu mellor criterio". 

A Coruña e Santiago xa notan o 'efecto Nadal' nos ingresos hospitalarios

No autocovid do Hospital Universitario da Coruña traballan a un ritmo frenético na véspera de Reis. A un ritmo tan forte como o que levan os contaxios na cidade. 500 casos en dúas semanas, máis de 300 nos últimos sete días. O efecto das festas fixo aumentar os ingresos en planta e nas unidades de críticos.

"Estamos arrastrando agora os días máis importantes do Nadal e xa empezamos a ver os efectos do fin de ano e temos o Día de Reis, que nos preocupa especialmente", asegura o doutor Pedro J. Marcos, director de atención hospitalaria da área sanitaria da Coruña e Cee.

O comité clínico xa advertiu que, se se segue así, aumentarán as restricións, tanto na Coruña como en Santiago, a partir do venres. E a expansión da pandemia nestas dúas cidades nótase nos concellos límitrofes, tamén baixo vixilancia especial.

O alcalde de Teo avoga por volver ao peche conxunto coa capital. "Sempre que a perimetraxe de Santiago foi distinta á de Teo aos quince días acabamos sufrindo as consecuencias", aseguraba o rexedor.

A cidade de Ourense conseguira baixar a súa incidencia acumulada, pero volveu rebotar nos últimos días. Por áreas sanitarias, só a de Vigo e, en menor medida, a de Pontevedra, se libran da repunta tras as festas. Pero as celebracións ainda non acabaron e os sanitarios fan esta recomendación para Reis.

"O mellor agasallo que lle poden dar os netos aos avós é ofrecerlles uns bos Reis Magos en 2022", aconsellou o doutro Marcos.

A mobilidade o día de Reis está permitida por razóns familiares desde as seis da mañá e ata as once da noite.

Noticias web

05/01/2021