CRTVG

Buscar

Sanidade estuda cribados por idades para frear a pandemia na Coruña e Santiago

Publicado o 06/01/2021 17:22

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cre que o comité clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia pode determinar na súa reunión do venres a necesidade de cribados específicos para conter a transmisión do virus nas cidades da Coruña e Santiago, onde os datos se deterioraron. "Atendendo ás franxas de idade onde hai máis casos", non é "descartable", dixo nunha entrevista concedida á Cadena Ser, en que lembrou que a este tipo de prácticas para combater a enfermidade xa se recorreu noutras ocasións e cun resultado eficaz.

As cifras non dan tregua. Tras o período de Nadal recuperouse o ritmo habitual de probas PCR e os resultados revelan un aumento signiticativo de contaxios en Galicia. Hai que remontarse ao 20 de novembro de 2020 para atopar un número de casos activos similar ao deste día de Reis: 6.404. E din os expertos que aínda non se contabilizan neles os contaxios das festas.

O comité clínico do próximo venres tomará novas medidas para frear a curva. O foco está posto, sobre todo, nas áreas sanitarias da Coruña e de Santiago, para as que se está estudando establecer franxas horarias e por idades para que a poboación saia á rúa de maneira gradual.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "O venres tomaremos novas medidas, e pedímoslles aos habitantes destas áreas un esforzo adicional".

Tamén se preven medidas máis duras para a hostalería. "Obrigarannos a pechar, e a verdade é que xa non podemos dar máis de si", "hai que cortar polo san, hai que facelo".

Non se descarta ademais que se fagan novos peches perimetrais, sobre todo nos arredores das áreas urbanas. Once dos 25 municipios próximos a Santiago superan os 250 casos por cen mil habitantes. Na área da Coruña preocupa o aumento de contaxios na propia cidade, e tamén en Vimianzo, Laxe, Camariñas e Dumbría.

A vacinación

O representante autonómico contou que este Día de Reis non se vacinou en Galicia porque o propósito semanal, do 66 %, cúmprese "cos días laborais habituais". A Xunta, remarcou, decidiu gardar unha de cada tres dose como "estratexia garantista", no caso de darse un problema loxístico similar ao xa vivido cun atraso de vinte e catro horas nun dos envíos.

Con todo, Comesaña adiantou que se nunhas semanas ven que a recepción é "estable" e que non hai "altibaixos", a formulación será outro. O conselleiro agradeceu ás "duascentas persoas dedicadas á vacinación de maneira voluntaria" o seu traballo.

Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo aumentaría a cifra de vacinación semanal contra a covid-19, que neste momento é na súa terra de 12.200 persoas por semana, se o Ministerio de Sanidade dese máis facilidades ou, polo menos, seguridades tales como garantir a "chegada comprometida" con total fiabilidade.

Na súa conta oficial de Twitter, o máximo mandatario autonómico agradeceu o "excelente traballo" dos profesionais do servizo galego de saúde, o cal permitiu á comunidade administrar o 65 % das vacinas da primeira remesa enviada polo Goberno central.

Galicia mantén, polo momento, unha reserva dun terzo das doses para garantir a inxección da segunda parte, que se pon cun tempo de espera de 21 días, en caso de producirse unha "rotura do stock". Esta política adoptouse despois dun atraso de 24 horas na chegada dunha remesa e revisarase se nas próximas semanas non se producen situacións similares, garantiu a administración autonómica. 

 

Noticias web

06/01/2021