CRTVG

Buscar

Sanidade e as comunidades autónomas acordan suspender a vacinación con AstraZeneca en menores de 60 anos

Publicado o 08/04/2021 08:26

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acordan suspender temporalmente a vacinación con AstraZeneca en menores de 60 anos, pero seguiráselles poñendo aos maiores desa idade e ata os 65. Hoxe decidirase se os dous millóns de menores de 65 anos que recibiron a primeira dose reciben a segunda dose doutra vacina ou quedan só coa primeira. 

A decisión sobre que facer coa vacina de AstraZeneca atrasou a reunión do Consello Interterritorial de Saúde máis de catro horas, ata as oito e media da tarde. A ministra de Sanidade comparecía pasadas as once da noite.

Despois de que a Axencia Europea do Medicamento concluíra que os beneficios da vacina de AstraZeneca seguen sendo maiores que os riscos, a Axencia Española do Medicamento reiteraba a seguridade das vacinas e os poucos casos que se deron en España de efectos adversos. 

Sanidade e comunidades autónomas acordan por tanto que, de momento, se seguirá vacinando coa vacina anglosueca persoas de 60 a 65 anos, pero non menores desa idade. A comunicación de vacinas propón limitar o seu uso por precaución. Foi unha decisión que apoiaron todas as comunidades. Só Madrid votou en contra. Quería ampliar o límite a maiores de 65 anos. Euskadi e Ceuta abstivéronse.

O que agora queda por decidir é que pasa cos dous millóns de menores de 65 anos, persoal esencial, como bombeiros, policías e docentes, e persoal sociosanitario que recibiron a primeira dose e están pendentes de recibir a segunda. Barállanse dúas opcións: completar a pauta con outra vacina ou non poñerlles máis doses. A Comisión de Saúde Pública reúnese hoxe para adoptar a decisión definitiva.

Noticias web

08/04/2021