Sanidade descoñece a orixe da infección dun de cada cinco casos na Mariña

A Consellería de Sanidade descoñece a orixe da infección dun de cada cinco casos de coronavirus detectados no gromo da Mariña.
En concreto, dos 263 casos PCR positivos entre o 23 de xuño e o 27 de xullo na Mariña, 216 están vinculados entre si, pero "no resto dos casos, aínda que moitos deles forman agregados, non se pode saber cal foi a súa posible fonte de infección".
Así figura nun auto do Xulgado Contencioso Administrativo número un de Lugo, en que se fai mención a un informe do subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, que lanza estas cifras.
Esta resolución do xulgado ratifica as medidas adoptadas o pasado 29 de xullo pola Consellería de Sanidade en relación co control do gromo da Mariña.
Ademais, no auto faise referencia á boa evolución que traslada o informe da incidencia do gromo, dado que na anterior análise se reflectía unha taxa positiva do 9,4% nas PCR realizadas, mentres agora baixa ao 7,6%.
Entre outras cuestións, Sanidade fixou o 29 de xullo que a comarca da Mariña manteña unha semana máis a limitación de 10 persoas nas reunións privadas e o lecer nocturno seguirá pechado, pero o resto de locais de hostalaría ampliarán a súa ocupación e os horarios, que equipararán á norma xeral que rexe no resto de Galicia.
A este respecto, o xulgado indica que esta limitación de 10 persoas "é proporcional e necesaria", "sendo un feito notorio que se trata dunha das actividades de maior risco para a transmisión da covid-19".
As medidas afectan os municipios de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.
Contra esta resolución da maxistrada do Contencioso de Lugo cabe impor recurso de apelación ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza.