Sanidade dá por feito que aumentarán as restricións en Vigo pola suba de casos
• Sería a primeira cidade galega en dar un paso atrás na desescalada
• Os casos activos levan once días subindo en Galicia e superan xa os 2.700
Os casos de covid−19 levan xa once días subindo en Galicia. E preocupan os contaxios en Vigo, que podería ser a primeira das cidades galegas en subir un chanzo no nivel de restricións. Sanidade advirte que o comité clínico deste martes podería ter que aumentar as restricións no concello de Vigo. Está a piques de superar os 150 casos por cen mil habitantes, o límite fixado para pasar de nivel medio-baixo a nivel medio. Os casos de covid−19 na cidade aumentan de xeito constante desde hai días, ainda que de momento non se traducen en maior presión hospitalaria. As autoridades fan un chamamento a participar nos cribados que se están realizando co obxectivo de frear os contaxios.
O comité clínico pon o foco no concello de Vigo. A cidade podería ser a primeira das sete grandes en subir un chanzo no nivel de restricións. A incidencia da covid−19 toca a liña vermella fixada polos expertos para dar un paso atrás na desescalada.
"Vigo non está en 150, aínda que si moi preto, pero a súa incidencia acumulada a sete días multiplicada por dous si a sitúa xa nese valor. Polo tanto non me quero adiantar ao que diga mañá o comité clínico, pero é probable que en Vigo teñamos que tomar medidas nos vindeiros días", explicaba o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña.
E as autoridades sanitarias apuntan a unha causa principal do aumento dos contaxios en Vigo. "Contaxios sociais por grandes festas ou grandes reunións de persoas non conviventes", aseguraba en declaracións á Radio Galega o xerente do Sergas José Flores.
O comité clínico revisará as restricións por concellos porque a situación é moi desigual. Mentres que case a maioría seguen cos contaxios a cero, preocupa a evolución de varios dos situados nas dúas marxes da ría de Arousa. A incidencia media da covid−19 en Galicia aumentou ata os 88 casos por cen mil habitantes, un dato que Sanidade non considera malo pero que obriga a seguir vixiantes tendo en conta que os casos activos, aínda que moi lentamente, levan 11 días seguidos subindo.