CRTVG

Buscar

Sanidade dá por controlado o gromo do Meixoeiro tras alcanzar 86 positivos

Publicado o 01/02/2021 18:28
Sanidade dá por controlado o gromo do Meixoeiro tras alcanzar 86 positivos

A Consellería de Sanidade informou este luns de que o gromo de covid−19 detectado no Hospital Meixoeiro de Vigo xa está "controlado e en fase de remisión", tras alcanzar os 86 positivos, dos que quedan actualmente activos 26.

Fontes do Sergas informaron de que o servizo de Medicina Preventiva da área sanitaria de Vigo considera "controlado e en fase de remisión" este gromo, tras o estudo epidemiolóxico do segundo cribado realizado no hospital nos últimos días. Así, o resultado final do gromo remata con 86 casos, 45 pacientes e 41 profesionais, aínda que "a maior parte deles xa están curados" e, no momento actual, permanecen 26 pacientes activos coa enfermidade.

Destes casos, o servizo de Microbioloxía detectou a presenza da chamada variante británica en seis pacientes positivos secuenciados. Así, o alto nivel de transmisibilidade do virus fixo sospeitar que podería ser esta variante, polo que se decidiu facer unha secuenciación completa do virus nunha mostra de casos positivos. Nos seis casos seleccionados detectouse esta cepa, que ten máis capacidade de contaxio. Segundo os especialistas, o máis probable é que todos os casos positivos do gromo sexan desta variante; con todo, farase un cribado xeral de positivos a través dunha PCR específica para detectar as posibles variantes e concretar se foi un único gromo ou máis de un.

Noticias web

01/02/2021