CRTVG

Buscar

Sanidade convoca as comunidades tras a suspensión de AstraZeneca noutros países

Publicado o 15/03/2021 17:55

• A Axencia Europea do Medicamento estuda os eventos trombóticos notificados

Sanidade convoca as comunidades tras a suspensión de AstraZeneca noutros países

O Ministerio de Sanidade convocou este luns de xeito urxente as comunidades autónomas, no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, para abordar a inmunización coa fórmula de AstraZeneca.

No único punto da orde do día só se concreta que se vai falar da vacinación contra a covid-19, pero todo parece indicar que a fórmula de Oxford vai centrar a xuntanza tras a suspensión temporal da súa administración en varios países.

Tras detectárense casos de trombos en pacientes inoculados con AstraZeneca, xa paralizaron a inmunización con esta vacina, de xeito total ou parcial, Francia, Alemaña, Italia, Austria, Dinamarca, Estonia, Lituania, Noruega, Islandia, Alemaña, Italia, Austria, Dinamarca, Estonia, Lituania, Noruega, Islandia, Tailandia e Irlanda.

Tamén retiraron un lote nas comunidades autónomas de Cataluña, Castela e León, Canarias, Valencia, Asturias e Andalucía.

Veredicto da Axencia Europea do Medicamento

A Axencia Europea do Medicamento (EMA) está estudando os eventos trombóticos notificados. Este xoves, emitirá un veredicto. Polo momento, asegura que non hai indicios de que a vacinación causase estas afeccións, "que non figuran como efectos secundarios".

Do mesmo xeito, o pasado venres a Organización Mundial da Saúde asegurou que "non hai razón para non usar a vacina de AstraZeneca contra a covid-19".