CRTVG

Buscar

Sanidade chama a acudir aos cribados como resposta cívica aos negacionistas

Publicado o 08/02/2021 20:03

Fene ten case 700 casos de covid−19 por cen mil habitantes. Sete mil setecentos veciños de 15 a 65 anos están convocados a entregaren unha mostra de cuspe para detectar se teñen coronavirus. "A ver se entre todos solucionamos, non de todo pero algo, porque estamos moi mal", di unha veciña.

Fene é o décimo concello de Galicia en que se fai un cribado masivo con esta técnica. "Con este sistema fomos quen de detectar máis de 180 positivos, 180 persoas asintomáticas que de non ser por este sistema estarían contaxiando a outras", aseguraba o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña.

Coa mesma técnica, realizaráselles a proba ata o mércores a 3.000 sanitarios de centros de saúde e hospitais de Ferrol. Sanidade defende os cribados masivos como o único xeito de detectar asintomáticos. Poñen como exemplo o realizado a 24.000 veciños da Coruña que sacou a luz 62 casos.

"Sesenta e dous positivos hoxe en dous días sen sabelo e illarse multiplícanse por tres, 180 casos máis de novos infectados. Pero é que eses 182 en dous días infectan a outros e multiplícanse por tres. Polo tanto en seis días eses 62 poderían ser 700 casos", explicaba a membro do comité clínico PIlar Farjas.

Son cribados poboacionais, pero tamén hai outros máis específicos, como o realizado a 400 alumnos e profesores do colexio público da Ponte, en Ourense.

"Moi ben, estalo facendo de marabilla. Perfecto, campión!. Que valente!", animaba a enfermeira ao pequeno Nico despois de someterse este á proba. O cribado responde á elevada incidencia no centro educativo. Con 18 casos activos e dúas aulas pechadas, é o máis afectado pola covid−19 na provincia de Ourense.

Os cribados masivos realizados con tests de antíxenos e PCR pola área sanitaria de Pontevedra e O Salnés durante a pasada semana permitiron detectar 27 casos positivos por coronavirus. Segundo trasladaron fontes do Sergas, convidouse a participar na realización das probas, que se levaron a cabo en contornas sociosanitarias, educativas, laborais e poboacionais da zona, a 8.670 persoas, das que asistiron 6.321, o 72,9 % das convocadas.

Entre esas persoas, detectáronse 27 positivos, que representan un 0,43 % das mostras analizadas a pasada semana. Canto ao ámbito estritamente poboacional, citouse 2.885 persoas de Soutomaior, das que acudiron 1.973, o 68,4 %, e iso permitiu identificar cinco positivos, o 0,25 % dos participantes nese cribado.

En Moraña, convocouse 1.900 persoas de 40 a 79 anos, das que acudiron 1.449 (o 76,3 % das invitadas a realizar a proba), e detectáronse tres casos de coronavirus.

Do mesmo xeito, un total de 1.894 das 2.478 persoas de 40 a 79 anos de Ponte Caldelas chamadas ao cribado realizaron as probas. Isto supuxo que a asistencia representase o 72,9 % da convocatoria e facilitou o diagnóstico de catro casos.

Mentres, o cribado levado a cabo este sábado no Hospital do Barbanza, en Ribeira (A Coruña), a 1.350 traballadores da industria da alimentación, ao que acudiu o 90,04 % dos citados, permitiu non detectar ningún positivo.

O Sergas confirmou que só deron positivo catro persoas no cribado realizado en Monforte de Lemos, a segunda cidade da provincia por número de habitantes. Ao cribado realizado esta fin de semana foron convidadas 4.500 persoas con idades comprendidas entre 20 e 60 anos, para obter unha mostra representativa da poboación de Monforte, na que foi a maior convocatoria deste tipo na provincia de Lugo desde que comezou a pandemia. 

Finalmente, entregaron a mostra de saliva un total de 2.758 persoas, co que a participación foi do 61,3 %. Nos cribados realizados en Sarria e Quiroga, coa participación de case 1.500 persoas, só foi detectado un caso positivo. 

Palabras descoñecidas

Noutra orde de cousas, o Sergas convidará a participar en tests masivos unhas 20.000 persoas de oito municipios das áreas sanitarias de Santiago e O Barbanza, Pontevedra e O Salnés, Ferrol e Vigo, e máis de 500 alumnos e docentes do CEIP A Ponte de Ourense e do Colexio Santiago Apóstolo de Narón (A Coruña).

En concreto, a área sanitaria de Ferrol realizará desde este martes e durante as tardes desta semana un cribado no centro de saúde das Pontes ao que convidará a participar unhas 2.000 persoas de 51 a 64 anos ás que se tomarán mostras nasofarínxeas de antíxenos.

Tamén citará 250 persoas de 41 a 61 anos no centro de saúde de Moeche (A Coruña) este martes pola tarde para realizar unha proba PCR.

Paralelamente, comezouse a realización dun cribado masivo mediante PCR no punto covid-auto do Hospital Meixoeiro de Vigo ao que se chamou a participar a 9.000 persoas de 20 a 70 anos residentes nos municipios pontevedreses de Redondela (6.000) e Salceda de Caselas (3.000)

Adicionalmente, o Sergas convidará 4.069 persoas de 30 a 64 anos residentes en Caldas de Reis a someterse a tests rápidos de antíxenos que se realizarán desde este martes ata este venres en horario de tarde na escola taller da localidade.

Mentres, o centro de saúde de Vila de Cruces acollerá tamén entre este martes e este mércores un cribado ao que se convidará a acudir 960 cidadáns da localidade de 31 a 50 anos por SMS.

As instalacións do Lalín Area do municipio homónimo serán o escenario en que se previu realizar tests a 2.500 persoas domiciliadas no dito concello de 31 a 50 anos entre este mércores e este venres.

Tamén se citará 960 cidadáns de 30 a 49 anos de Arzúa no centro de saúde do municipio entre este xoves e este venres.

Por outra banda, un equipo de toma de mostras desprazarase este martes ao Colexio Santiago Apóstolo de Narón (A Coruña), onde se realizarán probas de detección de coronavirus a 170 alumnos.

Ademais, realizarase un cribado a uns 300 estudantes e 60 docentes e traballadores do CEIP A Ponte de Ourense.

Noticias web

08/02/2021