CRTVG

Buscar

A Xunta amplía a ocupación na hostalería e só quedan dúas cidades en nivel alto

Publicado o 18/08/2021 14:54

• Vigo e A Coruña, entre os 33 concellos que quedan en nivel alto

A plataforma Hostalaría Galega denuncia que as actuais medidas son "improvisadas" e ofrece alternativas

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou unha ampliación das ocupacións para a hostalería nos distintos niveis de restricións, sobre todo nas terrazas, mentres que só as cidades da Coruña e Vigo seguirán, xunto con outros 31 municipios, en nivel alto desde o vindeiro sábado.

Na conferencia de prensa tras a reunión do comité clínico, que constatou "unha evolución favorable" da incidencia da pandemia do coronavirus, Comesaña seguiu insistindo en "non baixar a garda", sobre todo, entre os mozos, xa que hai na UCI unha persoa de 16 anos e varias que están na vintena.

En base a esta evolución, seguirá sen haber ningún municipio en nivel máximo, e haberá 35 en nivel alto, onde se ampliará a ocupación da hostalería e o lecer nocturno ao 75 % en terrazas. Outros 72 municipios estarán en nivel medio, onde esta ocupación pasará a ser do 100 % para a hostalería e do 75 para o lecer nocturno, para "promover o uso de exteriores", segundo o conselleiro.

O resto, en nivel medio baixo, onde se incrementará a ocupación en interior e en terrazas nos dous ámbitos hostaleiros. 

O comité tamén mostrou "preocupación" porque a incidencia da covid-19 entre os maiores de 80 anos non descende como no resto de idades. "Moito coidado coa falsa sensación de seguridade", advertiu, á vez que reclamou que se manteñan as medidas de seguridade en todos os ámbitos pese ao aumento de vacinados. 

Comesaña tamén se referiu á situación tras suspender a semana pasada o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a esixencia de certificado covid para entrar na hostalería, e dixo que a Xunta está "a esperar" a coñecer os motivos que levaron a esta suspensión para expor "os seguintes pasos" en canto se coñeza o auto. 

O conselleiro explicou que a decisión de solicitar o certificado ou unha proba diagnóstica negativa foi exposta xa en xuño polo sector do lecer nocturno e púxose en marcha "de maneira exitosa", tamén para evitar o peche nas localidades en niveis máis altos. 

Por iso, defendeu que a Xunta acordou a medida cos "interlocutores habituais" e "perfectamente válidos" da hostalería e atribuíu os recursos, presentados por algunha asociación e "grupo político minoritario", a que "algunhas persoas consideran que se podería abrir máis ou lles era incómodo pedir o certificado". 

Noticias web

18/08/2021