CRTVG

Buscar

Sanidade admite que "existe transmisión comunitaria" de "intensidade descoñecida" na comarca da Coruña

Publicado o 13/08/2020 12:57
Sanidade admite que "existe transmisión comunitaria" de "intensidade descoñecida" na comarca da Coruña

A situación xerada polo gromo de coronavirus na comarca da Coruña, nesta área sanitaria este xoves están rexistrados 544 casos activos, está a causar xa "transmisión comunitaria" do virus, segundo recoñece Sanidade. 

Sanidade apunta que a intensidade desta transmisión é "descoñecida". Así o recolle a orde publicada no Diario Oficial de Galicia deste mércores para actualizar as medidas na zona encamiñadas a conter a COVID-19, e que pasan por:

-Reducir acompañantes nos hospitais.

-Establecer quendas preferentes para persoas vulnerables e maiores, aos que se recomenda non saír de casa en horas punta.

-Manter as restricións de ocupación e lecer nocturno.

En concreto, do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a situación epidemiolóxica da comarca da Coruña despréndese un "incremento dos casos e taxas de infección" na área, que se sitúa en 92 por cada 100.000 habitantes, segundo confirmou o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Ademais, o informe apunta un "aumento de cadeas de transmisión independentes" e "unha porcentaxe de casos orfos que indica que existe transmisión comunitaria, aínda que de intensidade descoñecida". Ante esta situación, os expertos recomendan continuar as medidas restritivas postas en marcha o 7 de agosto na zona e incrementar as directrices en cuestións como as visitas a hospitais.

Do mesmo xeito, pediuse á poboación máis vulnerable ao virus ou a aquela que non pode usar máscara, un reforzo na "autoprotección", instándoos a que non saian dos seus domicilios nas horas de máis afluencia de persoas.

As medidas revisaranse nun máximo de sete días para avaliar a súa "efectividade real".