Galicia ten 29 persoas infectadas con coronavirus e 15 pendentes de confirmación
• Sanidade decreta que todos os eventos deportivos sexan a porta pechada e suspende as prácticas nos centros hospitalarios
En Galicia xa hai casos nas catro provincias. O número de infectados por coronavirus ascende a 29, pero a Consellería de Sanidade apunta que hai 15 casos máis pendentes de confirmación. Son casos que aquí deron positivo pero quedan pendentes de que os confirme o Centro Nacional de Microbioloxía. A área sanitaria da Coruña é a máis afectada, con 29 casos; alí tamén está o principal foco de infección, que é o centro cívico de Feáns, do que derivan a maioría dos casos. Con todo, deses 44 positivos por coronavirus, máis da metade está en atención domiciliaria. Hai dous pacientes en estado grave ingresados na UCI.
"Dous deses pacientes, que supoñen un 4,5% dos casos, están nestes momentos na UCI. Dezasete, que representan o 38,06%, están en unidades de hospitalización e 25, o 56,8%, están en domicilio". Iso afirma Antonio Fernández-Campa, xerente do Sergas.
Dos 44 pacientes, dous están en Lugo, dous en Ourense, catro en Pontevedra, seis en Vigo, un en Santiago e 29 na Coruña. A Coruña é a área sanitaria con maior incidencia. O centro ocupacional e de día de ASPRONAGA en Oleiros está pechado ao se detectar nel un caso. O mesmo ocorre co centro cívico de Feáns, que é o principal foco de contaxio en Galicia. Todo apunta a que a orixe deste foco é tamén un caso importado.
"Non está aínda confirmado ao cen por cento, pero parece que si, que hai unha ligazón cunha persoa que viaxou a Madrid e que podería ser o primeiro caso dese grupo", asegura Xesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade.
Para previr máis contaxios, séguese tomando máis medidas para os próximos 15 días. Recoméndase que os eventos deportivos sexan a porta pechada e suspéndese os actos cun aforo de máis de mil persoas. Tamén se suspende o progama de actividades extraescolares Xogade e mais as prácticas en centros sanitarios.
"Suspenderanse as prácticas que realicen en calquera centro sanitario situado en Galicia os alumnos de graos de Ciencias da Saúde e de ciclos formativos sanitarios", anuncia Xesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade.
Tamén no eido sanitario, están limitadas as visitas a hospitais e residencias de maiores a unha persoa por paciente. Ademais, vaise potenciar a consulta teléfónica tanto nos centros de saúde como nos hospitais.
"Tratar de mobilizar o menos posible os pacientes crónicos e tamén diminuír a presenza en centros de saúde e hospitais tanto de pacientes como de familiares", explica Xesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade.
Ademais, Sanidade pide a toda a cidadanía galega que utilice o teléfono 061 só para as urxencias e o teléfono reservado para o coronavirus, o 900 400 116, para as persoas que presenten síntomas leves.