CRTVG

Buscar

Sanidade acelera a vacinación coa incidencia en alza en varias comunidades

Publicado o 02/04/2021 22:11

A incidencia acumulada segue aumentando en algunhas comunidades mentres o Ministerio de Sanidade acelera a campaña de vacinación. Na última estatística publicada, apunta a unha cifra récord en 24 horas coa inoculación de 306.995 doses.

Este dato reflicte que o número de persoas que recibiron, polo menos un soro, supera os 5,5 millóns (o 13,8% da poboación) e o de inmunizadas coa pauta completa rolda os 2,8 millóns (o 7 %).

España conta esta semana con 2,4 millóns de vacinas de Pfizer, Moderna e AstraZeneca, á espera da nova remesa de máis dun millón de vacinas que chegarán o luns.

Sanidade, neste contexto de acelerar a vacinación fronte ao incremento de casos, optou por axilizar o envío de soros a algúns territorios como Canarias ou as cidades de Ceuta e Melilla, en risco extremo tras superar de longo os 250 casos por 100.000 habitantes.

Datos preocupantes coma os ofrecidos o pasado xoves polo propio ministerio, nos que confirmaba o aumento da incidencia media acumulada nos primeiros días da Semana Santa ata situarse nos 154,7 casos por 100.000.