Sanidade abre o sistema de autocita para repescar os que non se vacinaron
• O grupo de 12 a 19 anos disporá de 25.000 citas entre luns e martes, e os maiores de 20 anos, de 30.000 ocos para o venres 3 de setembro
O 80 por cento da poboación diana de Galicia xa ten a pauta completa de vacinación, pero quedan 250.000 que non acodiron as súas citas cando lles tocaba.
Por iso, a Consellería de Sanidade anunciou o lanzamento, ás 15:00 horas deste venres, dun novo sistema de autocitas para repescar as persoas que non se vacinaron. Así, poranse á disposición dos mozos de entre 12 e 19 anos un total de 25.000 ocos entre o luns 30 e o martes 31 de agosto, mentres que para os maiores de 20 anos habilítanse 30.000 autocitas para o vindeiro venres, 3 de setembro.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou este novo dispositivo nunha visita ao punto de vacinación do Instituto Feiral de Vigo. Aínda que as autocitas entran en funcionamento, y tras pechar este venres o sistema de citas por SMS, "que funcionou francamente ben", Comesaña matizou que aqueles que estean citados nas próximas semanas para segundas doses, "recibirán a cita vía SMS".
O titular de Sanidade destacou o bo funcionamento das citas por SMS, "cunha adherencia media superior ao 80 % e que, nalgúns casos chegou ao 90%", pero sinalou a conveniencia de abrir "un novo sistema". "Coas autocitas pretendemos ofrecer un sistema para que aqueles que non puidesen vacinarse por diferentes motivos, poidan facelo como e onde mellor lles conveña", explicou Comesaña.
As axendas de autocita, tal e como indicou o conselleiro, abren este venres ás 15,00 horas e permanecerán así, ben ata que se esgoten as prazas, ben ata, mínimo, as 24 horas anteriores ao día de vacinación. Desta forma, o prazo para solicitar a autocita para o luns 30 de agosto será ata as 00,00 horas do domingo; para o martes 31, ata as 00,00 horas do luns; e para o venres 3 de setembro, ata 48 horas antes.
Segundo remarcou o responsable de Sanidade da Xunta, déuselle "prioridade" ao grupo de 12 a 19 anos para que, vacinados con Pfizer e tendo en conta a cadencia entre dose da vacina, o máximo número de mozos poidan contar coa pauta completa ao comezo do curso escolar. Nesta franxa, sinalou o conselleiro, quedan uns 20.000 mozos sen vacinar.
Ademais, Comesaña destacou o plan de vacinación galego, que situou a Galicia como a segunda comunidade de España con maior índice de pautas completas da vacina contra a covid: 72 por cento da poboación xeral, 1.968.000 galegos. Ademais, o 95,4 maiores dos maiores de 40 xa están inmunizados. E hai máis de 300.000 mozos menores de 20 que teñen unha dose Segundo apuntou o conselleiro, xa se superou a barreira dos catros millóns de vacinas administradas, coa inoculación de 100.000 doses semanais.