CRTVG

Buscar

Sancionan clientes dun bar de alterne de Santiago que violou as restricións sanitarias

Publicado o 05/10/2020 14:34

As portas do Paraíso permanecían abertas esta mañá, pero durante a fin de semana este local pareceuse máis a un inferno, sobre todo para a veciñanza desta rúa do barrio compostelán de Conxo.

"Eran as tres da mañá, con música alta, fumando no local, xente sen máscara... chamei a policía porque non deixan durmir, e cando veu a policía escaparon polas fincas, pillaron varios, dous escaparon, un deles caeu ao río... surrealista", explica o veciño que alertou á policía.

Este veciño prefire non amosar o seu rostro porque asegura que recibiu ameazas. Denuncia que o establecemento funciona como club de alterne a pesar de ter licenza de café bar, e relata problemas constantes desde hai anos, acentuados coa situación de emerxencia santiaria.

"Dálles igual o horario, no estado de alarma entraba xente pola porta de atrás... pelexas, mexadas nas portas... non respectan nada", asegura.

Segundo explican, hai pouco tempo que renovaron a licenza de café bar, a pesar de que as autoridades son conscientes de que non están funcionando como tal, e lamentan que non se actúe con contundencia para atallar o problema.

"O que non entendemos é que se calquera outro local comete un delito precíntanllo. A policía non sae de aquí, pero o local non o precintan", din.

Esta fin de semana varias persoas foron identificadas e propostas para sanción pola policía tras o altercado.

Noticias web

05/10/2020