CRTVG

Buscar

Sánchez xustificará no Congreso a súa aposta polos indultos do procés

Publicado o 30/06/2021 08:11
Sánchez xustificará no Congreso a súa aposta polos indultos do procés

O presidente do Goberno Pedro Sánchez xustificará este mércores ante o pleno do Congreso a concesión dos indultos aos nove líderes do procés coa necesidade de abrir unha nova etapa de diálogo que permita o reencontro en Cataluña.

Sánchez acudirá ao pleno da Cámara Baixa unha semana despois de conceder eses indultos e tras a reunión que mantivo este martes no Palacio da Moncloa co presidente da Generalitat Pere Aragonès. Na xuntanza acordaron retomar na terceira semana de setembro en Barcelona a mesa de diálogo entre ambos os dous gobernos.

O Executivo solicitou a comparecencia de Sánchez no Congreso para informar do Consello Europeo celebrado a pasada semana en Bruxelas e mais do cumio comunitario de carácter extraordinario dos días 24 e 25 de maio. Pero tamén para dar conta da situación política e económica de España.

Neste último apartado tamén fará referencia á situación da pandemia de coronavirus e á evolución do proceso de vacinación, que, segundo Sánchez, permitirá que o 70 por cento da poboación estea inmunizada en agosto.

A súa comparecencia coincide cun aumento da incidencia acumulada, que este martes subiu ata os 106,8 casos en 14 días, e cun gran gromo relacionado con viaxes de fin de curso de estudantes ás Baleares.

A recuperación económica que espera grazas, en parte, á chegada dos fondos europeos será outro capítulo do seu discurso ante o Congreso.

Noticias web

30/06/2021