CRTVG

Buscar

Sánchez ve "incívica" a conduta do rei Xoán Carlos tras a súa nova débeda

Publicado o 26/02/2021 17:50


O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, expresou este venres o seu "rexeitamento" ante as prácticas "incívicas" de Xoán Carlos I tras coñecerse a súa segunda regularización ante Facenda, liquidada con 4,3 millóns de euros, para evitar ser acusado dun delito fiscal.

O avogado do rei emérito, Javier Sánchez-Junco, confirmou o pago da nova débeda tributaria polo diñeiro do que se beneficiou da fundación Zagatka, creada polo seu primo Álvaro de Orleáns-Borbón, para o pago de "viaxes e servizos" entre 2007 e 2018, entre eles, voos en jets privados. É a segunda declaración complementaria que presenta don Xoán Carlos sen requirimento previo de Facenda, tras a que fixo en decembro por 678.393 euros.

Nesta ocasión, a débeda liquidouna con diñeiro prestado por amigos e empresarios, segundo algunhas informacións, aínda que o avogado non o aclarou no comunicado. A nova regularización tributaria elevaría a máis de 7 millóns de euros os pagos en especie suxeitos a tributación do IRPF que non foron declarados, segundo a estimación do sindicato dos técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha).

Para Sánchez, o comportamento do rei emérito, sobre o que a Fiscalía do Tribunal Supremo ten abertas tres investigacións, suscita " perturbarción e incomodidade". "Se cometeu irresponsabilidades nas obrigas fiscais, faltaría máis, hai que reparalas", asegurou o xefe do Executivo nunha conferencia de prensa no Palacio da Moncloa.

Coa mesma "rotundidade", Sánchez desvencellou a Filipe VI da conduta do seu pai, ao eloxiar que a Casa Real marcou "un antes e un despois sobre transparencia e o bo uso dos recursos públicos" e que o que está en cuestión non é a institución, senón unha persoa concreta.

Nun acto con empresas, Filipe VI eludiu facer comentarios sobre o seu pai, ao que eloxiou o pasado martes no Congreso pola súa "firmeza e autoridade" para frear o intento golpista do 23-F. 

Noticias web

26/02/2021