CRTVG

Buscar

Sánchez, "satisfeito" coa alianza con Podemos

Publicado o 23/02/2021 20:14

Quen cala outorga. Así resumía o senador popular Javier Maroto a súa crítica ao presidente do Goberno polo seu silencio nos primeiros días dos disturbios polo caso Hasél. Maroto cre que Unidas Podemos alenta a violencia, preguntoulle se non lle doe que os seus socios deran as costas á conmemoración do 23-F e lamentou o seu silencio ante as referencias de Pablo Iglesias á falta de normalidade democrática.

Segundo Javier Maroto, do PP, "el non é o poli malo e vostede o poli bo do Goberno, señor Sánchez. El é culpable, pero vostede é cómplice. E que un presidente do Goberno sexa cómplice e permita que desde o seu Goberno se alente a violencia, iso si é anomalía democrática".

Responde Sánchez instando a Maroto a preguntar polas coalicións como a que goberna Madrid. Cre que tras os resultados en Cataluña, o PP debe elixir entre a moderación ou a perdición. E defendeu a alianza con Podemos: "Eu como presidente do Goberno maniféstome satisfeito do funcionamento do Goberno de coalición neste ano longo de lexislatura. É certo que vimos de diferentes culturas políticas, pero tamén é certo que nos unen máis cousas das que nos separan".

Todo nun pleno onde o presidente tachou tamén pouco razoable o Goberno independentista que tentan reeditar Esquerra e Junts per Cat.

Noticias web

23/02/2021