Sánchez reunirase con Torra o próximo 6 de febreiro en Barcelona
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, reunirase co presidente da Generalitat, Quim Torra, o próximo 6 de febreiro en Barcelona, aínda que queda por determinar o lugar concreto e a hora dese encontro.
Así o adiantou este martes na conferencia de prensa tras o Consello de Ministros a ministra portavoz do Goberno, María Jesús Montero, que recoñeceu que, a pesar da perda do seu escano, é "obvio" que Torra é a día de hoxe presidente da Generalitat e que aínda non hai ningunha resolución xudicial que o desdiga.
A data dese encontro entre Sánchez e Torra coñécese despois de que a Mesa do Parlamento de Cataluña ratificase onte a perda da acta de deputado do president en aplicación da recente resolución do Tribunal Supremo sobre a súa inhabilitación.
Este luns, a vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, xa deixou claro que a pesar de que Torra perdeu o seu escano segue sendo presidente da Generalitat e segue sendo o interlocutor do Goberno.
"O president non é parlamentario pero é president, esa é a lei", subliñou Calvo, que adiantou que o Executivo seguiría dialogando cos cargos "legais e lexítimos" para resolver os problemas do país.
Pola súa banda, Montero recoñeceu que se antes do 6 de febreiro se presentan novidades que desaconsellan a reunión, "pospoñeríase".
No caso de que non haxa atrasos convocarase inmediatamente a reunión entre gobernos prevista no acordo de investidura entre o PSOE e ERC.
A portavoz mostrouse convencida de que o diálogo é a "clave" para resolver un problema "que leva demasiado tempo"
Montero explicou que tras a primeira reunión con Torra en Barcelona, Sánchez proseguirá nos próximos meses cunha rolda co resto de presidentes autonómicos con visitas a cada unha das comunidades.
Así mesmo, é intención de Sánchez reabrir o diálogo coas forzas políticas para afrontar a renovación de órganos constitucionais pendentes como o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), así como abrir o debate no Pacto de Toledo sobre o futuro das pensións.
O Goberno considera que Torra segue sendo presidente da Generalitat malia que deixou de ser deputado, e polo tanto mantén esa xuntanza prevista, previa á mesa de negociación entre o Goberno central e a Generalitat que o PSOE pactou con Esquerra Republicana a cambio da abstención na investidura.
Tanto o PP coma Ciudadanos critican que Sánchez manteña a reunión con Torra. O PSOE xustifícaa e di que é o primeiro paso para solucionar o conflito catalán.
Adriana Lastra, PSOE: "Hai que empezar a encarreirar ese conflito político. Para iso estamos traballando nós, e tamén para iso está traballando Esquerra"
Inés Arrimadas, Ciudadanos: "É incrible que Sánchez os manteña de interlocutores cando Junqueras está dicindo agora mesmo no Parlamento que o volverán facer"
Pablo Casado, PP: "O que ten que facer Pedro Sánchez, se Torra se nega a deixar de ser presidente da Generalitat, é cesalo, coa Constitución na man. E non o vai facer"