Sánchez retoma as negociacións políticas e o PP pídelle que deixe paso a outro candidato
• O mércores terá a audiencia co Rei en Mallorca, onde Filipe VI se manifestou a favor de chegar a un acordo para evitar eleccións
• Rolda de contactos na Comunidade de Madrid para a investidura de Ayuso
Pedro Sánchez retoma os contactos políticos para buscar unha maioría que permita a súa investidura. Nunha xornada de reaccións ás palabras do Rei instando a un acordo que evite eleccións. O PP cre que sería posible cun candidato de consenso, distinto a Sánchez.
Co bloqueo político de fondo, Filipe VI recibiu esta mañá as autoridades baleares e o mércores reúnese con Sánchez ao que lle vai trasladar o que xa dixo publicamente, que busquen entre todos unha solución para evitar eleccións.
O Goberno concorda con esa prioridade e esta mañá reuníase con colectivos ecoloxistas na rolda de contactos coa sociedade civil para mellorar o seu programa de goberno e presentárllelo despois aos grupos na busca dun acordo.
No PP tamén comparten a mensaxe do Rei de evitar eleccións e cren que sería posible con outro candidato.
Sánchez retoma esta tarde as negociacións políticas reuníndose en Valencia con Compromís. O seu único deputado abstívose na investidura lamentando que os socialistas non deran pasos para obter o seu apoio.