CRTVG

Buscar

Sánchez regresa das súas vacacións para reunir os ministros pola situación en Afganistán

Publicado o 18/08/2021 20:05
Sánchez regresa das súas vacacións para reunir os ministros pola situación en Afganistán
EUROPA PRESS

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, convocou para este xoves unha reunión por videoconferencia dos ministros que participan na operación de evacuación de españois e colaboradores afgáns de Afganistán, segundo anunciou Moncloa, mentres que fontes gobernamentais precisaron que non volverá ata o venres das súas vacacións.   

Sánchez presidirá o grupo de traballo que está coordinado polo ministro da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Félix Bolaños, e do que forman parte o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares; a de Defensa, Margarita Robles; o do Interior, Fernando Grande- Marlaska; a de Sanidade, Carolina  Darias, e o de Inclusión, Seguridade Social, e Migracións, José Luis Escrivá. No encontro non está previsto que estea ningún dos ministros de Unidas Podemos, que forman parte do Goberno de coalición.   

Antes deste encontro, precisou Moncloa, Sánchez mantivo "múltiples conversacións" cos distintos ministros e tamén houbo "varios encontros de nivel técnico a cargo de representantes dos distintos departamentos".

A reunión producirase un día despois de que o primeiro grupo de españois e de colaboradores afgáns fose evacuado con éxito de Cabul e no medio das críticas da oposición polo feito de que Sánchez non comparecese aínda publicamente para falar da situación en Afganistán, como si fixeron outros mandatarios europeos.   

O presidente do Goberno asegurou este mércores que estivo seguindo toda a operación de evacuación xunto aos titulares de Defensa e Asuntos Exteriores, Margarita Robles e José Manuel Albares, e Moncloa distribuíu imaxes nas que se lle ve en videoconferencia con ambos.   

Segundo adiantou Moncloa, mañá está prevista a chegada a España desde Afganistán do primeiro dos dous avións A400 M das Forzas Armadas españolas que participan na evacuación.   

As fontes consultadas por Europa Press precisaron que Sánchez regresará o venres de Lanzarote, onde se atopa de vacacións, como tiña previsto. O xefe do Executivo ten previsto realizar a próxima semana unha viaxe a Exipto e Kenya.

Noticias web

18/08/2021