CRTVG

Buscar

Sánchez recibe a primeira dose: "As vacinas son o noso horizonte de esperanza"

Publicado o 18/06/2021 21:47
Sánchez recibe a primeira dose: "As vacinas son o noso horizonte de esperanza"
EFE


O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, foi vacinado este venres coa primeira dose contra o coronavirus no hospital Puerta de Hierro de Madrid. O propio Sánchez informou da súa vacinación na súa conta de Twitter, dando as grazas a todos os profesionais sanitarios que coidan os españois a diario e incluíu unha foto do momento en que se lle inxectaba o soro. "As vacinas salvan vidas e estannos marcando o camiño cara á recuperación. Son o noso horizonte de esperanza", engadiu.

Sánchez foi vacinado ao seu regreso a Madrid tras participar en Barcelona nas xornadas do Cercle d'Economía e presidir xunto ao primeiro ministro italiano, Mario Draghi, a 18 edición do Foro de Diálogo España-Italia. Tanto el como o resto de membros do Goberno foron recibindo ou recibirán proximamente as doses das vacinas de acordo cos grupos de idade (Sánchez ten 49 anos) ou de risco que lles corresponde do mesmo xeito que o resto da poboación.

O primeiro dos ministros vacinados foi o titular de Política Territorial e Función Pública, Miquel Iceta, quen recibiu a primeira dose do soro de AstraZeneca contra a covid-19 o 26 de marzo. O presidente do Goberno foi vacinado horas despois de que na súa intervención na reunión do Cercle d'Economía anunciara que un Consello de Ministros extraordinario aprobará o vindeiro xoves a eliminación da obrigatoriedade das máscaras no exterior para partir do sábado 26 de xuño.

 

Noticias web

18/06/2021