CRTVG

Buscar

Casado pídelle a Sánchez que "España non dependa dos independentistas"

Publicado o 06/05/2019 20:17

8 días despois das eleccións, o gañador recibe na Moncloa o gran derrotado daquel día. Pablo Casado, convocado un día antes que Ciudadanos e Unidas Podemos, recibe así de Pedro Sánchez os galóns de líder da oposición que tamén se arroga Albert Rivera. Tras hora e media longa, Casado vaticina: "Creo que imos a unha lexislatura cun goberno débil e que terá no Partido Popular unha oposición forte".

Casado confimoulle a Sánchez que o PP votará en contra da súa investidura, pero non vería con malos ollos outras abstencións que eviten a dependencia dos separatistas. "Pedinlle que non dependa dos independentistas. Nós non podemos facilitar este goberno, pero podemos entender que outros partidos que respecten a Constitución e a unidade de España consideren facelo".

O número 3 do PSOE recolle a insinuación de Casado e pon a pelota no tellado de Ciudadanos. José Luis Ábalos di que "nun momento dado, houbo moita presión co argumento da estabilidade para que o Partido Socialista se abstivese no seu momento. Nese caso, Ciudadanos exerceu se cabe máis presión que o Partido Popular. Agora, os argumentos son os mesmos, e Ciudadanos debería actuar en consecuencia".

A Moncloa interpreta a xuntanza entre Sánchez e Casado como a normalización das relacións entre os dous principais partidos. Socialista e popular quedaron en celebrar encontros regulares no futuro.

Noticias web

06/05/2019