CRTVG

Buscar

Sánchez presenta un plan de saúde mental dotado con cen millóns de euros

Publicado o 09/10/2021 14:34

A pandemia da covid-19 está en fase declinante, pero deixa problemas de calado como o empeoramento da saúde psíquica da cidadanía. Esa é a idea que transmitiu hoxe Pedro Sánchez desde A Moncloa no Día Internacional da Saúde Mental.

Explicou que, por exemplo, a depresión vai ligada á desigualdade social porque afecta tres veces máis as persoas en paro, e que é o momento de poñer en marcha un plan de acción neste ámbito. "Vai contar cunha dotación económica de 100 millóns de euros por parte do Goberno de España, con accións concretas que van ser sempre, sempre, sempre froito do consenso do comité institucional e referendadas loxicamente polo Consello Interterritorial, onde están representadas todas as comunidades autónomas", asegurou.

O presidente do Goberno indicou que ese plan, denominado Saúde Mental e covid-19, inclúe unha mellora na atención hospitalaria e primaria, a creación dun teléfono para a prevención do suicidio con funcionamento permanente e o impulso á formación especializada. Esta útima foi unha das novidades relevantes do acto.

"Quero anunciarlles que na próxima convocatoria o que imos facer é incorporar a especialidade de Psiquiatría Infantil e Adolescente, como dicía antes a ministra, á formación sanitaria especializada", dixo Sánchez.

No acto, varios participantes explicaron os seus problemas relacionados coa saúde mental nun intento de visibilizar o problema e superar os estigmas que leva aparellados. Entre eles, estivo o xornalista galego Anxo Lugilde, que relatou aspectos da súa loita contra a depresión ao longo de trinta anos. 

Noticias web

09/10/2021