CRTVG

Buscar

Sánchez pide que non se pechen as escolas sen falar co Ministerio de Sanidade

Publicado o 04/09/2020 20:14

Co regreso ás aulas á volta da esquina, Pedro Sánchez e os presidentes autonómicos volveron reunirse por décimo sexta vez desde o inicio da pandemia. O presidente pediulles que, en caso de gromos, non pechen os colexios sen avisar antes o Ministerio de Sanidade e as comunidades limítrofes.

Doce autonomías aceptaron a oferta do Goberno de rastrexadores militares, e o presidente apremounas para que antes do día 15 todas teñan operativa a aplicación móbil de seguimento da COVID-19. Tamén quedaron en facer en outubro outro estudo de seroprevalencia. Ademais, o executivo manterá reunións bilaterais con cada comunidade para que empecen a propor proxectos que se poidan beneficiar dos 140.000 millóns de euros dos fondos de recuperación europeos que España comezará a concretar con Bruxelas o 15 de outubro.

O Goberno lembroulles que nada se pode facer sen presupostos e, aínda que de xeito tácito, di que os mandatarios están por que se aproben as contas.

Carolina Darias, ministra de Política Territorial e Función Pública, trasladou que "os presidentes autonómicos o que queren é que poida haber acordo. Porque se pode haber acordo para que teñamos un acordo para os presupostos xerais do Estado para o vindeiro ano, eles van ter claro cal é o seu marco orzamentario, e iso si que lles aseguro que foi obxecto de preocupación por parte de todos eles"

Para sentar as bases desas contas, a Goberno convocará este mesmo mes os conselleiros de Facenda na Conferencia de Política Fiscal e Financeira.