CRTVG

Buscar

Sánchez pecha o Congreso do PSOE apelando ao "valor do público" e da socialdemocracia

Publicado o 17/10/2021 22:40

Na clausura congresual, Pedro Sánchez tivo un recoñecemento especial para a militancia do PSOE, porque lle amosou, dixo, a súa solidariedade "nos momentos máis escuros da pandemia".

Asegurou que "o que agora parece sinxelo non o foi" e que España recobra o pulo económico grazas ás políticas sociais e a que "o PSOE cumpre": "Dixemos que iamos subir o salario mínimo interprofesional e subimos o salario mínimo interprofesional; dixemos que xubilados e xubiladas non perderían poder adquisitivo e fixémolo; dixemos que aprobariamos o ingreso mínimo vital para loitar contra a pobreza infantil e fixémolo; dixemos que protexeriamos os traballadores, os autónomos e as empresas e cumprimos cos ERTE, coas axudas aos autónomos e coas axudas directas a empresas", sinalou Sánchez.

O líder dos socialistas explicou que tamén cumprirán acabando coa lei mordaza, coa reforma laboral do PP e abolindo a prostitución. Unha parte relevante do discurso dedicouno á puxanza electoral da socialdemocracia en Europa, despois dos tempos de crise: "A socialdemocracia está forte e reivindícase co seu vigor e coa súa vixencia en todo o continente europeo. Os nosos valores son os valores da sociedade europea. As institucións e as políticas de protección social postas en marcha pola socialdemocracia seguen sendo as que garanten a seguridade e a dignidade das persoas fronte a calquera adversidade na nosa vida".

Sánchez asegurou que fronte á socialdemocracia non hai ideas fortes, senón descualificacións e apupos. Durante a súa intervención, os congresistas aplaudiron en pé a Salvador Illa, e antes do discurso de Sánchez, recibiu unha homenaxe Alfredo Pérez Rubalcaba, que incluíu o descubrimento dun busto seu.

Noticias web

17/10/2021