CRTVG

Buscar

Sánchez: "O Goberno está a buscar investidores para salvar a planta de Alcoa"

Publicado o 03/06/2020 17:31

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, dixo este mércores na sesión de control do Congreso dos Deputados que o Executivo está a buscar investidores para "salvar" a planta de Alcoa de San Cibrao, en Lugo. En resposta ao deputado do BNG, Néstor Rego, sobre que medidas pensa adoptar o Goberno para afrontar a crise económica industrial, Sánchez manifestou que o Goberno está a impulsar o diálogo con Alcoa para dar un futuro a esa planta de Lugo ameazada de desaparición, despois de que a multinacional anunciara o despedimento colectivo de 534 traballadores desta planta de produción.

Dixo que a situación en que se atopa Alcoa e outras industrias vén de lonxe, e achacouna ás políticas da anterior Administración do PP. Sánchez explicou que nos dous anos que leva gobernando o que se fixo é ir resolvendo os problemas ocasionados por esa política.

Pedro Sánchez lembrou que o seu Goberno tutelou o proceso de vendas das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés -agora Alu Ibérica-, e esas fábricas salváronse do peche e tamén se salvaron os empregos. Sinalou que desde que se produciu o anuncio do despedimento colectivo o Goberno estableceu contactos para atopar unha solución e indicou que hoxe mesmo o secretario xeral de Industria do Ministerio, Raúl Blanco, se reúne co comité de empresa.

Sánchez afirmou que, pola contra, o Goberno anterior do PP non fixo nada en política industrial nin tampouco política industrial en Galicia, mentres que nos dous anos que leva gobernando o PSOE a industria galega recibiu 34 millóns a través do plan de reindustrialización Reindus.

Como proba do compromiso coa industria galega, o presidente tamén lembrou a adxudicación da construción de cinco fragatas para a Armada da serie F-110 en Navantia Ferrol, un proxecto de 4.300 millóns de euros, que xera 7.000 empregos e asegura unha década de traballo para os estaleiros.

O Goberno pedirá responsabilidades a Alcoa tras recibir 38 millóns e espera o apoio da Xunta

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou que esixirá "responsabilidades" a Alcoa, despois de que puxera máis de 500 despedimentos sobre a mesa na súa planta de aluminio de San Cibrao, tras recibir 38 millóns de euros en axudas "a cambio de manter empregos".

"Temos que reclamarlle responsabilidades a unha empresa que recibiu 38 millóns a cambio de manter empregos e ofrécenos agora este escenario absolutamente insatisfactorio", manifestou, na súa intervención ante o pleno da cámara baixa, á que acudiu para defender unha última prórroga do estado de alarma pola pandemia do virus Covid-19.

Sánchez declarou que no Goberno esperan "contar co apoio da Xunta para atopar unha solución que preserve o emprego". O deputado de BNG, Néstor Rego, reclamoulle na súa intervención por unha solución para estes traballadores. O deputado nacionalista pediu a intervención pública neste conflito e expuxo a nacionalización da planta para garantir a actividade e os empregos.

Maroto critica a xestión dos gobernos de Rajoy e de Feijóo

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, criticou este mércores no Congreso os "raquíticos orzamentos" cos que conta "para facer política industrial", en referencia ás contas vixentes, aprobadas polo PP para 2018, ante a acusación do PP de "cargarse" este sector.

"Non lle vou a consentir que faga responsable das crises industriais a este Goberno", esgrimiu Maroto, na súa primeira resposta a unha interpelación do deputado 'popular' Jaime de Olano na sesión de control ao Goberno celebrada este mércores na Cámara Baixa, e na que a ministra asegurou "traballar sen descanso para buscar alternativas industriais".

Acusou ao PP de "desmantelar o Ministerio de Industria", algo "incomprensible" tendo un presidente galego dixo, e lembroulle a De Olano, galego, que ante o peche de Alcoa a Xunta conta con "competencias exclusivas en política industrial". "Que fixo pola industria galega? Absolutamente nada, porque ao PP non lle interesou nunca", espetou.

Ante o peche de Alcoa en San Cibrao, asegurou que o Goberno lle esixiu á empresa "que reconsidere" esta decisión, instou ao PP a "deixar de buscar culpables e buscar solucións" e destacou uns prezos enerxéticos que hoxe son a metade que en 2018.

O PP pide que acepte as propostas para mellorar o estatuto das electrointensivas

"Se quere, fágolle responsable ao señor Marlaska, pero o pobre xa ten bastante", replicoulle Jaime De Olano, en referencia ás esixencias de dimisión lanzadas pola oposición ao titular de Interior. En todo caso, estendeu as culpas á vicepresidenta para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, con quen a titular de Industria "non é tan agresiva, ou non se defende con tanto decoro", lamentou o deputado popular.

No caso de Alcoa e do resto de industria electrointensiva, sinalou que o seu borrador de estatuto "non contenta a ninguén" e que "sería a puntilla" ao sector. "Están a tempo de rectificar", instou, apuntando como solución as alegacións consensuadas polos gobernos autonómicos de Galicia, Asturias e Cantabria, e que sería apoiado polo PP no Congreso.

"O único que falta é a vontade do Goberno, súa e a de Sánchez", sentenciou. 

 

Noticias web

03/06/2020