CRTVG

Buscar

Sánchez nomea a xestora que dirixirá o PSOE madrileño

Publicado o 07/05/2021 19:23

Ángel Gabilondo abandonou o hospital tras pasar unha noite ingresado por unha arritmia cardíaca, consecuencia, di, dos seus 72 anos e da tensión da campaña: "Ese clima de esixencia permanente, de tensión emocional tan forte, pois puido influír. Pero non creo que sexa a causa. Teño que aceptar que teño unha idade determinada. Tamén o podo dicir máis fino, que non son un mozo".

Non quixo falar de actualidade, nin sequera da súa renuncia a recoller a acta de deputado, anunciada pola dirección do partido. A súa ausencia obrigará os socialistas a designar un novo voceiro na Asemblea. A que se despexou este venres foi a incógnita de quen dirixirá o PSOE madrileño tras a renuncia do seu secretario xeral. Isaura Leal, deputada no Congreso, encabezará a xestora. Tamén son baixas no PSOE, pero contra a súa vontade, o exsecretario xeral no País Vasco, Nicolás Redondo Terreros, e o ex-presidente madrileño, Joaquín Leguina. O partido vainos expulsar por compartiren un acto de campaña coa popular Isabel Díaz Ayuso.

María Jesús Montero, voceira do Goberno, explicou que "despois das declaracións que fixeran estas dúas persoas no apoio expreso a unha candidatura que competía co Partido Socialista, paréceme unha consecuencia lóxica". Leguina respondeu que "como din os castizos, 'súama'. Volverei ao PSOE cando marche este señor".

Quen segue sen falar do desastre electoral do 4-M é o lider do partido. Pedro Sánchez eludiu o asunto na súa visita a Portugal.