CRTVG

Buscar

Sánchez falará con Torra esta semana para fixar a mesa de diálogo

Publicado o 07/09/2020 12:33
Sánchez falará con Torra esta semana para fixar a mesa de diálogo

Pedro Sánchez e Quim Torra na súa pasada reunión no Palacio de Pedralbes | EFE

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este luns que falará esta semana co presidente catalán, Quim Torra, coa intención de fixar unha data para a reunión da mesa de diálogo con Cataluña.

"Esta semana falarei co president Torra e espero que podamos tela nos próximos días", dixo o presidente do Goberno nunha entrevista en TVE, en referencia a se hai data para convocar a mesa de diálogo con Cataluña.

Preguntado sobre se estaría disposto a retomar a reforma do delito de sedición, algo que podería facilitar o apoio dos catro deputados de JxCat que poderían desmarcarse do seu grupo, Sánchez respondeu que este foi un compromiso de investidura "e por tanto segue firme", aínda que polo momento non respondeu a cando estará lista a reforma.

Sánchez chamou a "sacar moitas leccións do que ocorreu co mal chamado procés", "non só desde o punto de vista do incumprimento legal, senón tamén da ruptura emocional que isto está a representar para parte da sociedade catalá".

"Nós temos que ser empáticos, sensibles e tamén mirar a Europa, que nalgunhas das sentenzas dixo claramente cales son os déficit do noso Código Penal cando estamos a falar deste tipo de delito, ao cal fixo referencia tamén a propia sentenza do Supremo", engadiu o presidente.