CRTVG

Buscar

Sánchez non aclara se meterá presión para que se xulgue a Puigdemont en España

Publicado o 29/09/2021 09:43

O debate parlamentario segue sen baixar revolucións. Na sesión deste mércores, a presidenta do Congreso tivo que chamar á orde en varias ocasións, unha delas cando a deputada de Junts per Cat Miriam Nogueras definía como "un putiferio" a detención de Puigdemont.

O líder do PP Pablo Casado recriminou este mércores ao xefe do Executivo Pedro Sánchez que "cale" e non aclare no Parlamento se "autorizou" a entrada a España do líder da Fronte Polisario Brahim Ghali, se "ordenou falsear as contas públicas para cadrar un orzamento radical a marteladas" e se vai apurrar "para que se xulgue en España o golpista" Carles Puigdemont, expresidente da Generalitat.

Na súa resposta á pregunta de control do líder da oposición, o xefe do Executivo eludiu referirse a esas cuestións e presumiu de facer "política útil" en beneficio dos cidadáns. Ademais, recalcou que os españois están "ata os cumios dos insultos e os berros". 

Casado botoulle en cara que non aclare en sede parlamentaria se el é o "X do caso Ghali", se "falseou" as previsións económicas e se cumprirá a súa palabra para "traer a España a Puigdemont". "Quen cala outorga, vén aquí e non contesta a nada", queixouse, para formularlle de novo as mesmas tres cuestiones e recalcar que se Sánchez non está disposto a "defender a España de delincuentes e da crise económica", debe irse e "deixar os demais".

Sánchez criticou este "xogo de si ou non" de Casado e preguntouna se o PP está a favor de validar o acordo de pensións cos axentes sociais. Ao seu entender, iso é o que debe responder porque é o que "merecen os españois".

Chamadas tamén á dimisión de ministros, desta volta a de Nadia Calviño, polas previsións económicas. Para a voceira do PP, Cuca Gamarra, a vicepresidenta primeira "está xa á altura de Pedro Solbes, o peor ministro de Economía da historia", dixo mentres ensinaba as memorias do exministro. Respondeulle Calviño asegurando que xa levaba tres anos escoitando as súas chamadas á dimisión, "haxa ou non revisións".

No cruce de reproches tamén entraron as medidas do Goberno para frear a suba da luz. Mentres o Partido Popular as cualifica de "fracaso", a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, considera que "a factura está razoablemente controlada" a pesar dos prezos a nivel internacional.

Noticias web

29/09/2021