CRTVG

Buscar

Sánchez e Torra acordan reactivar a mesa de diálogo cunha xuntanza en Barcelona

Publicado o 07/09/2020 19:11
Sánchez e Torra acordan reactivar a mesa de diálogo cunha xuntanza en Barcelona

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o presidente da Generalitat, Quim Torra, conversaron este luns para perfilar a próxima reunión da mesa de diálogo, en Barcelona, para a que aínda non fixaron data, aínda que si acordaron que os seus equipos perfilen unha orde do día.

A semana pasada, Sánchez comprometeuse ante ERC a impulsar para mediados deste mes de setembro unha nova reunión da mesa de diálogo sobre Cataluña, que arrincou en febreiro, pero cuxos traballos quedaron interrompidos tras o estalido da COVID-19 e que agora poden verse condicionados polas citas xudiciais dos días 17 e 23 que ten que afrontar Torra, que podería ser inhabilitado. 

Segundo informou a Generalitat nun comunicado, Sánchez e Torra acordaron que os seus gabinetes "traballen unha orde do día para poder celebrar a próxima reunión da mesa de negociación, que debe ter lugar en Barcelona", uns contidos en que o presidente catalán xa advertiu de que quere incluír "o exercicio do dereito á autodeterminación e a amnistía".