CRTVG

Buscar

Sánchez e Iglesias reuniranse para suavizar diferenzas

Publicado o 01/03/2021 15:32

O papel da monarquía, a lei trans ou o salario mínimo son algúns dos puntos en que discrepan os socios de coalición. Tamén chocan na futura lei de vivenda. O PSOE négase a intervir o mercado do alugueiro.

Este luns, a vicepresidenta terceira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, aseguraba que "a posibilidade de regular o prezo dos alugueiros non é un bálsamo de fierabrás, nin unha solución máxica que vaia resolver todos os problemas" e avogaba por ampliar o parque de vivenda pública.

Pero Podemos mete presión para que se cumpra co pactado. A súa voceira, Isa Serra, cualificaba de "inconcibible" o incumprimento do acordo de goberno, polo que lle esixe ao Partido Socialista "que rectifique". 

Para suavizar as diferenzas, esta semana vanse reunir Pedro Sánchez e Pablo Iglesias nun encontro do que aínda non transcendeu a data. A presidenta do PSOE, Cristina Narbona, recoñecía ante a prensa que "moitas veces existen discrepancias que deben ser tratadas na medida do posible coa máxima discreción entre os socios de goberno".

No que coinciden ambos os dous partidos é na afirmación de que a coalición non está en risco.

Noticias web

01/03/2021