CRTVG

Buscar

Sánchez e Costa reúnense en Andorra para analizar o peche da fronteira

Publicado o 21/04/2021 15:02

O peche das fronteiras entre España e Portugal estivo na axenda do Cumio Iberoamericano que se celebra en Andorra. 

A axenda da xornada comezou cunha reunión entre o Rei e o presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa. Despois foron Pedro Sánchez e o seu homólogo luso, António Costa, os que trataron o peche das fronteiras entre os dous países. Polo que transcendeu do encontro, as fronteiras terrestres seguirán pechadas, tal e como estaba previsto, ata primeiros de maio, e os dous gobernos manteñen a decisión de revisar quincenalmente a situación ata que a evolución sanitaria recomende a reapertura.

Noutra orde de cousas, os presidentes de España e Andorra decidiron estudar unha harmonización fiscal entre os dous países. Tamén acordaron cooperación en materia de vacinas, un dos asuntos centrais deste cumio que perde un dos seus focos de atención: Nicolás Maduro finalmente non vai intervir, como estaba previsto. Será substituído pola súa vicepresidenta, Delcy Rodríguez.

Noticias web

21/04/2021