CRTVG

Buscar

Sánchez di que os futuros Orzamentos son os da "recuperación xusta e interxeracional"

Publicado o 10/10/2021 14:57

Pedro Sánchez prefire que se vexan os próximos Presupostos estatais non como os de maior gasto social, senón como "os de maior investimento social". Un cambio de concepto para defender unhas contas públicas que considera fundamentais para unha "recuperación xusta e interxeracional".

"Hai algúns que dixeron que isto non lles gusta, que nin isto nin a Lei estatal de vivenda son a solución. Nós coa Lei estatal de vivenda e coa renda de emancipación para a xente nova de 250 euros mensuais durante dous anos o que queremos facer é converter un problema, o maior dos problemas que é a vivenda para moitísima xente, no dereito que está recoñecido na Constitución. Iso é o que queremos", explicou o secretario xeral do PSOE nun mitin en Ponferrada.

Sánchez dixo que España "está moito mellor que hai un ano", cando non había vacinas nin fondos europeos, e que a baixada de impostos e o Estado de benestar son incompatibles: "Por iso todos aqueles que din que van recortar, ou mellor, que van baixar os impostos, pero van manter o Estado de benestar, sabedes o que ocorre? Que ou menten ou agochan un recorte dos servizos públicos que hoxe son máis necesarios ca nunca".

O líder dos socialistas asegurou tamén que algúns que piden as baixadas de impostos son os que logo levan os cartos a Suíza ou aparecen nos papeis de Panamá e de Pandora. Por último expresou a vontade de seguir descentralizando o Estado.

Noticias web

10/10/2021