CRTVG

Buscar

Sánchez di que "dá pena ver o PP" e Casado critica os "fracasos estrepitosos" nas mocións de censura

Publicado o 24/03/2021 10:14

O presidente do PP, Pablo Casado, acusou este mércores o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, de "disparar" ao PP rexistrando mocións de censura para "acabar coa única alternativa que xa lle pisa os talóns", pero recalcou que "o tiro lle saíu pola culata". O xefe do Executivo respondeu con dureza ao xefe da oposición asegurando que "dá pena ver o Partido Popular liderado por vostede".

Na sesión de control ao Goberno, coa campaña electoral madrileña de fondo, Casado asegurou que se xa é "irresponsable desestabilizar gobernos con mentiras", é "inmoral facelo en plena pandemia". Na súa réplica, Sánchez pediulle un "pouco de pudor" e criticou que o PP presuma de dar "leccións de que en Murcia sustentan o goberno con base na corrupción e o transfuguismo" e en Madrid de provocar "unhas eleccións anticipadas e irresponsables".

Tras asegurar que o propio Casado dixo que lle daba "risa" escoitar que o PP non ten proxecto, exclamou: "Non é que dea risa, dá pena ver o PP liderado por vostede". O líder do PP enumerou casos de corrupción e "escándalos" que afectaron ao PSOE e Unidas Podemos e recalcou que o presidente do Goberno "non pode dar leccións" ao seu partido. Sánchez contestoulle despois acusándoo de "insultar" o PSOE, algo que, segundo dixo, fai que despois teñan "barra libre" os deputados do Grupo Popular como Carmelo Romero ou Diego Movellán.

Iglesias dimitirá como deputado antes que de vicepresidente

O vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, anunciou este mércores que dimitirá como deputado para concorrer ás eleccións da Comunidad de Madrid "antes mesmo" que saír do Goberno, algo que fará o vindeiro martes cando acuda ao seu último Consello de Ministros.

Iglesias fixo este anuncio durante a última sesión de control á que se somete no Congreso como vicepresidente, en resposta a unha pregunta do secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, que lle pedía deixar a súa acta de deputado para presentarse ás eleccións "como un cidadán normal".

O vicepresidente segundo do Goberno anunciou que a súa formación presentará este mércores unha denuncia por suborno ante a Fiscalía Anticorrupción contra o 'número dous' do PP, Teodoro García Egea, ao que acusan de "comprar" deputados para frear as mocións de censura. "Xa está ben de comprar deputados", proclamou no Congreso, en alusión ao feito de que o PP superase a moción de censura de Murcia tras incorporar ao seu Goberno a tres deputados de Cidadáns críticos con Inés Arrimadas e negociar con outros tres expulsados de Vox.