CRTVG

Buscar

Sánchez defende que a comezos de xuño haberá dez millóns de españois vacinados

Publicado o 12/05/2021 08:36

Pedro Sánchez asegurou que durante a primeira semana do mes de xuño haberá dez millóns de españois vacinados e espera chegar ao 70 % antes de que remate o verán. Iso manifestou no Pleno do Congreso dos Deputados, onde destacou que a economía españoña "está a piques de relanzarse".

Casado reprochoulle que en España o que se necesita é unha lei orgánica para limitar dereitos fundamentais, como a liberdade de movemento, porque as autonomías xa non poden facer nada. 

Sánchez volveu destacar que "o estado de alarma xa é cousa do pasado e que o futuro é a inmunidade de grupo, para a que faltan 98 días".

Sánchez acusa a Vox de cruzar "moitas liñas vermellas"

O presidente do Goberno Pedro Sánchez acusou no Pleno do Congreso a Vox de cruzar "moitas liñas vermellas" das establecidas na Constitución, ao que Santiago Abascal respondeu subliñando que o seu partido seguirá o seu camiño "sen medo a nada nin a ninguén" e o Goberno "non poderá facer nada lícito para impedilo".

Houbo unha pequena liorta, en que Sánchez acusou a Vox de vulnerar os valores de liberdade, igualdade ou pluralismo político que establece a Constitución.

"Coa ultradereita o mundo é ao revés. Din ser defensores da Constitución pero sosteñen que a ditadura franquista foi mellor que a democracia actual", reprochou Pedro Sánchez.

O líder de Vox respondeu que Sánchez é quen "cruzou todas as liñas" ao pactar con partidos separatistas.

Noticias web

12/05/2021