CRTVG

Buscar

Sánchez defende a Calviño ante as acusacións de Podemos de "intromisión"

Publicado o 22/10/2021 17:25
EFE

O xefe do Goberno, Pedro Sánchez, negou este venres que haxa unha "intromisión" da vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, na reforma do mercado laboral como denunciou Unidas Podemos, e apoiou a "colaboración" entre varios ministerios, como xa ocorreu coa lei de vivenda.

"Negocia o Goberno, negocia o Goberno", recalcou Sánchez desde Bruxelas, ao ser preguntado tras participar no cume europeo sobre quen levará a cabo a interlocución da reforma laboral, Calviño ou a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, de Unidas Podemos.

O presidente xustificou que esta é unha "reforma estrutural" que afecta "moitísimos ministerios" e que por tanto "non hai intromisión", senón "colaboración, coordinación e achega", tras pedir Unidas Podemos unha reunión da mesa de seguimento polo malestar provocado o rol da vicepresidenta primeira.

Para o xefe do Executivo a reforma laboral é unha das leis máis importantes dun Goberno. Afecta os ministerios de Traballo, Facenda, Seguridade Social, Educación e Asuntos Económicos e "todos" teñen que achegar, coordinarse, acordar e dar "a súa visión". Ao seu xuízo non se pode falar nin de "inmiscirse", nin de "intervir".

Agregou Sánchez que este método de traballo pode ser máis laborioso pero é máis efectivo. E puxo exemplos: o papel do Ministerio de Dereitos Sociais ao negociar a lei de vivenda ou o rol xogado polo secretario de Estado de Dereitos Sociais, Nacho Álvarez, na elaboración do proxecto de orzamentos.

"O Goberno de España ten un acordo de investidura, de coalición, e aí ten o compromiso do Goberno de España de actualizar as normas laborais. Queremos facelo ademais da man dos empresarios e dos sindicatos. Acordamos que antes de finalizar o ano esa reforma se levara a efecto", recalcou.

E sobre o contido da lei, dixo que o Goberno está "de acordo" nunha "reforma integral para eliminar moitos males do mercado laboral que a reforma do PP agravou" e aludiu á precariedade, a creación de emprego ou á competitividade das empresas.

O presidente do Goberno avalou así o papel de Nadia Calviño despois de que o seu socio de coalición solicitara unha reunión de seguimento do pacto e fixera público o seu malestar polo papel xogado pola vicepresidenta no proceso para derrogar a reforma laboral, que Unidas Podemos considerou un incumprimento "grave" deste pacto.

A lea interna deulle munición á oposición. Pablo Casado, presidente do PP, cre que "cando estás pactando con radicais como un partido comunista e populista como Podemos, ao final acabas colgando da brocha".

No transfondo do conflito está tamén o alcance da nova lei: Unidas Podemos quere derrogar a reforma do PP de 2012, contra a opinión dunha Nadia Calviño partidaria de tocar só aspectos puntuais.
 

Noticias web

22/10/2021