CRTVG

Buscar

Sánchez, disposto a decretar o estado de alarma en Madrid

Publicado o 09/10/2020 09:08

• Convoca un consello de ministros extraordinario para este venres e dálle un ultimato ao goberno rexional

• A Xunta insiste en que cómpre reformar a Lei de saúde pública

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, convocou para hoxe un consello de ministros extraordinario para decretar medidas que sirvan para contrarrestar o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid que tombou parte das medidas decretadas polo Ministerio de Sanidade.

Sánchez mantivo unha conversa telefónica coa presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, en que lle propuxo tres posibilidades:

1) Que sexa a Comunidade de Madrid a que dite unha orde de medidas especiais en materia de saúde pública.

2) Que a Comunidade de Madrid solicite o estado de alarma e que sexan as dúas administracións as que o declaren.

3) Que o Goberno central decrete unilateralmente o estado de alarma en Madrid.

O Goberno dálle a Ayuso ata o venres pola mañá para decidirse por unha destas opcións. Descoñécese neste momento, iso si, a que hora se convocaría ese consello de ministros extraordinario.

Fontes do Goberno sinalan que en todos os casos as medidas de confinamento perimetral e o resto das normas serían as mesmas que xa se viñan aplicando, e que só cambiaría a cobertura xurídica.

A presidenta madrileña asegurou, pola súa parte, en Twitter, que quedou con Sánchez en falar mañá, coa esperanza de pactar "unha solución que beneficie os cidadáns".

Revés xudicial

Estes movementos políticos chegan despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid rexeitara as restricións de mobilidade impostas polo Ministerio de Sanidade.

Dende o venres só se permitían os desprazamentos xustificados. Pero o peche perimetral da cidade de Madrid e doutros nove municipios da comunidade queda agora anulado.

No seu auto, ante o que cabe recurso, o Tribunal di que non ratifica a orde do Ministerio porque afecta aos dereitos e liberdades fundamentais dos cidadáns. Dereitos que non poden verse afectados —di o texto— por ningunha inxerencia estatal non autorizada.