CRTVG

Buscar

Sánchez contacta coa patronal e cos sindicatos preto xa do acordo para a investidura

Publicado o 18/12/2019 08:59

O presidente do Executivo en funcións remata hoxe a rolda de contactos con chamadas aos axentes sociais. Sánchez vai informar a patronal e os sindicatos sobre os seus proxectos para unha investitura que moitos medios sitúan antes de fin de ano. O acordo entre PSOE e Esquerra está xa moi avanzado. Algunhas informacións apuntan a que simplemente está pendente dun intercambio de documentos.

Primeiro Errejón chanceando sobre a necesidade de ter o móbil operativo, "porque poden chamar en calquera momento para unha investidura";  e despois Baldoví, explicando que cre que o goberno "pode saír". Os responsables de Más País e Compromís filtraban o seu optimismo tras a reunión co PSOE, que hoxe continúa falando co BNG, cos rexionalistas cántabros e con Teruel Existe.

O acordo que lograría a abstención de Esquerra, precisa para que Sánchez sexa investido presidente, podería estar a piques de selarse, á espera da entrega duns documentos.

Esquerra comprometeríase a abandonar a vía unitaleral, e o PSOE a unha mesa entre gobernos. Os independentistas apoiarían os primeiros orzamentos e, ademais, volverían aos foros multilaterais.

Onte mesmo, Sánchez anunciaba en redes a convocatoria da Conferencia Anual de presidentes, e explica que urxe iniciar a que denomina a lexislatura do diálogo.

Este novo avance que recoñecen desde o PSOE chega tras a conversa de Sánchez con Torra, onte. E horas antes da chamada do presidente en funcións aos axentes sociais. Hai xornais cataláns que esta mañá xa volven poñer sobre a mesa datas probables para a investidura. Un pleno que arrancaría o día 27, coa primeira votación o 28, e a segunda, na que serían suficientes máis sis que nons o luns día 30. A tempo, afirman, antes de que remate 2019. Todo está pendente aínda dun anuncio definitivo.

Noticias web

18/12/2019